LINGUA

Aberta a solicitude dos obradoiros de improvisación oral "Enreguéifate"

09/03/2020 Os obradoiros Enreguéifate enmárcanse dentro do proxecto homónimo organizado nesta edición polo Concello de Santiago e os de Ames, Pontevedra, Rianxo e Teo, co que se procura impulsar a improvisación oral en verso e contribuír a través dela á promoción do uso da lingua galega. Estas sesións están dirixidas inicialmente a alumnos e alumnas de 5º e 6º de educación primaria e 1º e 2º da ESO. O prazo de solicitude remata o 17 de marzo.

A finalidade destas accións formativas é que o alumando aprenda métodos de improvisación oral de xéneros galegos como a regueifa para contribuír á súa revitalización en Galicia e, a través deles, ao uso da lingua na mocidade. Ademais, enfócanse cara á participación no certame Enreguéifate, no que se convoca unha categoría específica para o ámbito escolar.

Para garantir un desenvolvemento axeitado destas sesións, tomaranse como referencia os/as 25 participantes. Este número pode variar se é o caso de que o grupo-aula estea integrado por algunhas persoas máis. En ningún caso poderá superar o medio cento.

Para solicitar algún dos obradoiros dispoñibles cómpre enviar un correo electrónico ao Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago, dlg@santiagodecompostela.gal, e indicar nel: centro que o solicita; profesor ou profesora responsable do grupo (nome completo); materia que imparte; teléfono de contacto (preferiblemente do profesorado responsable do grupo); día e hora en que solicita o(s) obradoiro(s), dentro das propostas no calendario (e non é imprescindible que sexa nunha hora exacta hai que indicar, cando menos, a o tramo horario); número de alumnos/as que formarán o grupo e curso. Se un centro solicita máis dun obradoiro, deberá procurar que cada dous coincidan no mesmo día.

O prazo para solicitar os obradoiros remata o 17 de marzo. Posteriormente comunicarase o calendario definitivo a cada centro, que se elaborará tendo en conta as solicitudes de todos e o encadre dos horarios. En todo caso estará comprendido entre o 25 de marzo e o 30 de abril.

Metodoloxía
O coñecemento práctico da regueifa fomenta a capacidade de articulación dun discurso improvisado e amplía as aptitudes retóricas. Así mesmo, posibilita un diálogo que saca á luz, dun xeito horizontal, as desigualdades imperantes na sociedade.

A partir deste fío condutor desenvólvense tamén outras habilidades, como a capacidade de escoita e de atención ou o respecto á interlocutora ou interlocutor. En canto ao labor específico da regueifa na mocidade, esta eríxese como unha potente ferramenta para o desenvolvemento da autoconsciencia, da seguridade propia e da autoestima nunha etapa de conformación da identidade de cada persoa.

No desenvolvemento destas sesións pártese dos coñecementos previos do alumnado para propiciar unha aprendizaxe significativa, que vincule a súa realidade cos contidos que se pretenden introducir. O diálogo entre as persoas que guían o obradoiro e as que participan nel é constante, e procúrase unha interacción continua e o emprego de técnicas de traballo en grupo e de colaboración mutua.

Esta actividade preséntase deseñada dende o fomento da liberdade discursiva e o diálogo, e dánselle azos ao alumnado para que sexa quen de se expresar en público, creando un ambiente de confianza e horizontalidade. Trabállase, pois, partindo da autorregulación grupal, da motivación e do reforzo positivo.

A duración de cada obradoiro é de 90 minutos, polo que se desenvolverá durante o equivalente a dúas sesións seguidas de 45 minutos cada unha (dúas clases).

Acollemento lingüístico
Por outra parte, o Departamento de Lingua pon en marcha un curso para persoas adultas procedentes doutras comundades lingüísticas que queiran realizar un primeiro achegamento ao galego e á nosa realidade cultural e social. Procurará faciltar as destrezas básicas para a compresión oral e escrita e un coñecemento inicial de historia, xeografía e aspectos prácticos como a estrutura administrativa ou os recursos ao dispor das persoas que veñen vivir á nosa comunidade.

A actividade é gratuíta e precisa inscrición (25 prazas). O horario é de 17:00 a 19:00 horas, os luns a partir do 23 de marzo ao longo de 15 sesións. As aulas serán no Espazo Apego (local municipal da rúa da República do Salvador, 12 - entresollado).

Paralelamente, ofrécese un obradoiro para nenos e nenas a partir de 3 anos no que terán ocasión de experimentar o contacto co galego mentres xogan coa súa creatividade. Será no mesmo horario e no mesmo lugar, co fin de facilitar a asistencia a este curso das persoas que teñan crianzas ao seu cargo.

A inscrición cómpre facela enviando un correo electrónico ao Departamento de Lingua Galega do Concello (dlg@santiagodecompostela.gal), no que se indiquen o nome e apelidos e un teléfono de contacto. Se se require algunha praza para o obradoiro infantil é necesario indicalo tamén.

Para calquera outra información ou aclaración pode contactar directamente co Departamento de Lingua no 981 542 409 (de 9:00 a 14:00 h).

Direccións relacionadas



Compartir: