PREMIOS

O concelleiro José Manuel Pichel asiste á entrega dos Premios 10 de Marzo

07/03/2020 O concelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel, asistiu hoxe á entrega dos Premios 10 de marzo, celebrada no Centro Sociocultural das Fontiñas. Nesta edición, os galardoados foron Berta Trigo Culler, Plácido Cal Faraldo e Palmyre Ros.

"Vós abristes o camiño dunha sociedade máis xusta,polo que aportastes e seguides aportando á sociedade, ao feminismo, á igualdade e á loita polos dereitos dos nosos traballadores e traballadoras. Sodes un exemplo para todos nós", indicou José Manuel Pichel.

Estes galardóns, concedidos por Comisións Obreiras, recoñecen o labor das persoas na súa loita na defensa dos traballadores e traballadoras e, á vez, ensalzan a memoria de Amador Rey e Daniel Niebla, asasinados pola dictadura franquista.

Na súa intervención, o concelleiro explicou sobre Berta Trigo que "viviu a época do traballo sindical clandestino e loitou por un convenio colectivo na conserveira onde traballou practicamente toda a súa vida. Berta, és un exemplo para todos nós". A Plácido Cal agradeceulle a súa dedicación e entrega na loita polos dereitos dos traballadores. "Un premio máis que merecido", sinalou. De Palmyre Ros destacou o seu compromiso "dende a infancia, co feminismo e con Galicia. Só quero dicirche que precisamos de máis persoas coma ti, cos teus valores".

Premios 10 de Marzo
O 10 de marzo de 1972, dous traballadores da Empresa Nacional Bazán, Amador Rey e Daniel Niebla, que se manifestaban polos seus dereitos, foron asasinados pola policía da ditadura franquista. Esa data, marcada como o Día da Clase Obreira Galega, é conmemorada anualmente polo Sindicato Nacional de CCOO de Galicia coa realización dun acto de homenaxe a todas as persoas destacadas pola súa loita na defensa dos traballadores e as traballadoras.

A importancia desta conmemoración fixo que o Parlamento galego, a instancias do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, aprobara por unanimidade o 5 de marzo de 1997 unha declaración institucional sobre o 10 de Marzo na que se recoñecía o significado histórico desta data.

Compartir: