EDUCACIÓN

Ábrese a inscrición no Programa de Conciliación de Semana Santa

06/03/2020 O Departamento de Educación abre o prazo de inscricion para o Programa Municipal de Conciliación Laboral e Familiar de Semana Santa, que se desenvolverá os días 6, 7, 8 e 13 de abril. Este programa comprende un conxunto de actividades a realizar nas instalacións do CEIP Monte do Postes e do CEIP Cardeal Quiroga Palacios. O prazo de inscrición estará comprendido entre o luns 9 e o venres 20 de marzo.

Este programa está destinado á poboación escolarizada en educación infantil e primaria do municipio de Santiago. Concíbese como un espazo educativo, de promoción do ocio e o tempo de lecer, ademais dun recurso para a conciliación familiar e laboral no tempo de vacacións. As familias teñen a opción de escoller entre participar todos os días do programa ou en días soltos.

O horario será de 7:45 a 16:00 horas. O servizo de madrugadores funcionará de 7:45 a 9:00 horas e poderá ser con ou sen almorzo. De 9:00 a 14:00 horas realizaranse os obradoiros e actividades. Finalmente, entre as 14:00 e as 16:00 horas, existe a posibilidade de solicitar o uso do servizo de comedor.

Os prezos van dende os 83,60 euros da modalidade completa ata os 12 euros que custa un día solto con só actividades. Hai descontos do 20% para familia numerosas, monoparentais, nenos/as con discapacidade e cando participen dous irmáns no programa. Tamén se habilitarán descontos do 50% ou do 100% para familias con escasos recursos.

Documentos relacionados



Compartir: