MOBILIDADE

Os usuarios/as do transporte urbano recibirán esta vindeira semana un exemplar de balde de "Follas Novas", de Rosalía de Castro

05/03/2020 O concelleiro de Mobilidade, Gonzalo Muíños, acompañado do xerente de Tussa, José Ramón Mosquera, asistiron este xoves ao encontro "As precursoras", organizado por La Voz de Galicia, no que se presentou unha reedición do libro de Rosalía de Castro Follas novas, que se repartirá entre os usuarios do transporte público de Santiago durante a vindeira semana, no marco da conmemoración do Día Internacional das Mulleres. O acto celebrouse nas instalacións centrais de La Voz de Galicia no Polígono de Sabón, en Arteixo (A Coruña).

No marco do 8M, La Voz de Galicia editou as obras de tres precursoras na reivindicación do papel da muller na sociedade: Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal. A primeira das obras desta colección, Follas Novas, de Rosalía, entregarase co xornal este domingo 8 de marzo a un prezo de 1,95 euros. Nos seguintes domingos, as obras entregadas serán "La Tribuna, de Emilia Pardo Bazán, e La mujer del porvenir, de Concepción Arenal.

Pero no caso de Santiago, os usuarios/as do transporte urbano poderán recibir de balde esta vindeira semana un exemplar desta edición de Follas Novas, grazas á colaboración do Concello e de Tussa. Así o indicou tras o acto o concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, quen destacou esta iniciativa divulgativa como unha boa maneira de por en valor a figura de Rosalía a través dunha das súas obras máis recoñecidas.

Compartir: