ALCALDÍA

Os ministros de Turismo e de Cultura garanten o compromiso do Goberno español co Ano Santo 2021 e coa convocatoria do Real Padroado neste 2020

05/03/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, mantivo esta mañá en Madrid tres xuntanzas ministeriais, unha coa ministra de Industria, Reyes Maroto; outra co titular de Cultura, José Manuel Rodríguez Uribes; e unha terceira coa subsecretaria de Facenda, María del Pilar Paneque. Nestas reunións, o rexedor estivo acompañado polo edil de Presidencia, Relacións Institucionais e Turismo e Delegado do Ano Santo 2021, Sindo Guinarte, e pola concelleira de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultural, Mercedes Rosón. Das xuntanzas, saíu o compromiso do Goberno español co Ano Santo 2021 e coa convocatoria neste mesmo ano 2020 dunha nova reunion do Real Padroado de Santiago.

Unha das reunións foi a mantida coa ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, na que se abordaron diferentes aspectos relacionados coa planificación e promoción internacional do Ano Santo de 2021. Tras a xuntanza, o alcalde mostrouse satisfeito pola "plena dispoñibilidade" do Ministerio a traballar e colaborar na promoción do Xacobeo e dos Camiños de Santiago. Sánchez Bugallo agarda que "o Concello poida colaborar nos eventos e mercados máis importantes" programados e que "esta colaboración se vaia concretando nas próximas semanas e meses".

Sobre o plan de difusión exterior, a ministra anunciou unha estratexia de promoción en colaboración coas comunidades autónomas, facendo especial fincapé no desenvolvemento de accións adaptadas aos diferentes perfís de demanda dos mercados turísticos internacionais. Están programadas máis de cen accións, que inclúen viaxes de familiarización, presentacións a medios de comunicación, viaxes inversos, acciones directas ao público y márketing online.

En coordinación con la Xunta, o punto neurálxico das accións de promoción será a oficina de Turespaña en Roma. Instalarase unha pantalla interactiva cun mapa do Camiño, realizaranse presentacións multimedia ao público final, medios de comunicación e profesionais do sector, levaranse a cabo accións con axentes de viaxes e dinamizarase toda a información en redes sociais. Ademais, Turespaña habilitará un sitio web e distribuirá material escrito e vídeos de produción propia en varios idiomas.

O rexedor indicou defendeu que "os Camiños de Santiago deben ser unha aposta estratéxica, non só do Concello ou da Xunta, senón do conxunto de España". Máis alá da promoción, Sánchez Bugallo tamén agarda lograr a colaboración do Estado para a recuperación dun convenio de posta en marcha dun novo Plan de Excelencia e Calidade de Santiago como destino turístico, aproveitando as bases de datos existentes para "coñecer os fluxos de visitantes e anticiparnos para programar a atención que lles poidamos dar a eses visitantes".

Cultura
En relación ao Xacobeo, o alcalde e os concelleiros tamén falaron co ministro de Cultura e Deporte, José Manuel Rodríguez Uribes, quen tamén manifestou o apoio do seu Departamento ao Xacobeo 2021. Entre outros ámbitos, este apoio materializarase na inclusión de Santiago nos circuítos dos diferentes organismos culturais dependentes do Ministerio. Tamén Compostela, o Camiño e o Ano Santo estarán moi presentes na programación especial que o Departamento realizará en Tokio (Xapón) con motivo dos próximos Xogos Olímpicos.

Ademais, o ministro de Cultura asumiu o compromiso de sacar adiante a próxima xuntanza do Real Padroado neste ano 2020. O Departamento asumirá o labor de coordinación das axendas de Casa Real, Moncloa e Xunta de Galicia para concretar a data da reunión. José Manuel Rodríguez Uribes puido tamén coñecer de primeira man a axenda de temas a tratar nesta xuntanza do Real Padroado.

Do encontro tamén saíu o compromiso dun Plan de Acción Integral dos Camiños e da convocatoria, tamén nos vindeiros meses, do Consello Xacobeo.

Facenda
Outra das paradas foi no Ministerio de Facenda, onde o rexedor se reuniu coa subsecretaria do Departamento, María del Pilar Paneque, á que tamén lle deron a coñecer o programa de temas previstos para esa xuntanza neste 2020 do Real Padroado e lle presentaron o plan preparatorio do Ano Santo 2021.

Ademais do compromiso coa xuntanza do Real Padroado, a subsecretaria tamén confirmou que se vai recuperar a addenda prevista nos orzamentos de 2018 que prevía unha dotación orzamentaria adicional a través do Consorcio de Santiago. Esta dotación orzamentaria incorporarase de novo nos orzamentos do Estado de 2020.

Finalmente, o alcalde formuloulle a María del Pilar Paneque a petición de eliminación da taxa de reposición para que o Concello poida dotar de máis prazas os corpos de Policía Local e Bombeiros. Sánchez Bugallo indicou que a subsecretaria recibiu a proposta con "simpatía" e que será estudada, pero recoñeceu a dificultade que esta medida supón á vista das múltiples peticións que, neste sentido, teñen de diferentes administracións.

Compartir: