MOCIDADE

A Fundación SGAE acolle a exposición fotográfica "Desenfoque climático" do 5 ao 12 de marzo

04/03/2020 A concelleira de Mocidade, Noa Díaz, presentou a exposición fotográfica "Desenfoque climático, o cambio a través dos elementos naturais", organizada por alumnado do CPR O Raio Verde. A mostra, saída dun certame fotográfico en torno aos efectos do cambio climático na natureza e na sociedade, estará na sede da Fundación SGAE dende mañá xoves, ás 18:30 horas, ata o 12 de marzo. Logo pasará por diferentes centros socioculturais.

Noa Díaz estivo acompañada na rolda de prensa por Arturo e Mar, dous dos alumnos do CPR O Raio Verde encargados de coordinar esta mostra, que conta coa colaboración do Concello, de Adega e de Agua En Caja. Apuntaron que con este certame e coa mostra pretendían "reflexionar sobre un tema tan relevante socialmente como é o cambio climático".

A exposición componse de 22 fotografías seleccionadas entre as presentadas ao certame, no que participaron estudantes de diferentes ramas formativas relacionadas coa fotografía e a imaxe, ademais doutras persoas simplemente afeccionadas á fotografía.

Compartir: