PLENO

O Pleno aproba un orzamento de case 117 millóns de euros para 2020

02/03/2020 O Pleno da Corporación aprobou este luns, nunha sesión extraordinaria, o orzamento municipal para 2020, que ascenden a 116.975.595,33 euros, o que supón un incremento do 6,46% respecto a 2019. As contas saíron adiante cos votos favorables do Goberno municipal e a abstención de Compostela Aberta. PP e BNG votaron en contra.

Rematada a sesión, o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, valorou coma un "mérito compartido" o feito de ter "aprobado dous orzamentos en sete meses" cun Goberno en minoría e agradeceu a Compostela Aberta ter facilitado o visto bo destas contas, ao igual que a PP e BNG fixeran hai uns meses cos orzamentos técnicos. Sobre estas contas indicou que "son as que poden ser", en función dunha "orde de prioridades", na cal "priorizamos os servizos públicos". Indicou que a partir do luns, grazas ao procedemento anticipado de gastos, se comezará a licitar diversas obras e servizos.

A concelleira de Facenda, Marta Abal, foi a encargada de explicar os principais indicadores deste orzamento, no que destaca o crédito destinado a servizos públicos básicos, cunha contía de 47.481.402 euros, o 40,59% sobre o gasto total do orzamento (+0,07% respecto a 2019). Tamén son significativas as partidas de produción de bens públicos de carácter preferente, con 21.727.070 euros (+13,58% respecto a 2019), e de actuacións de carácter xeral, por un importe de 21.433.560 euros (+10,91%). Cada unha delas representa algo máis do 18% do gasto. A continuación sitúanse as actuacións de carácter económico, con 13.928.623 euros (+20,57%), o que representa un 11,91%; as actuacións de protección e promoción social, con 9.452.821 euros (+0,07%) e un 8,08% sobre o gasto total. Pecha a lista a débeda pública, por 2.952.126 euros e o 2,52% do gasto total (baixa un 13,06% respecto a 2019).

En canto aos gastos por operacións non financeiras, que ascenden a 114.040.973,34 euros, salienta o incremento do 6,90 % con respecto ao exercicio 2019.

Gastos por operacións correntes
Os gastos por operacións correntes ascenden este ano a 98.616.468,32 euros, aumentando un 2,26% con respecto ao exercicio 2019. O capítulo I, de gastos de persoal, increméntase, en comparación ao ano anterior, un 1,16%. Son 33.905.543,75 euros, fronte aos 33.517.959,28 euros do exercicio 2019.

Neste capítulo contémplase o incremento salarial do 2% nas retribucións do persoal, en cumprimento do Real Decreto Lei 2/2020 do 21 de xaneiro, polo que se aproban medidas urxentes en materia de retribucións no ámbito do sector público. Tamén figura unha partida de 695.220 euros para facer efectiva a carreira profesional dende o 1 de xaneiro do 2020. Outra dotación de 650.000 euros destinarase á creación de novos postos no marco da nova RPT, que será o resultado do plan de reorganización de efectivos do Concello.

O capítulo II, de gastos en bens correntes e servizos, medra ata os 49.327.143,56 euros, cun incremento do 3,39% respecto ao orzamento inicial do exercicio 2019. Neste capítulo contémplanse, entre outros, os créditos axeitados e suficientes para facer fronte á licitación e adxudicación, durante este ano, de contratos básicos e estratéxicos para o Concello, coma o de mantemento, conservación e mellora dos espazos verdes e arborado urbano. O custo anual do contrato en execución na actualidade é de 3.411.709,96 euros. Prevese que o custo anual do novo contrato, segundo o orzamento de licitación, ascenda a 4.150.592,96 euros (un 21% máis).

Outro dos servizos é o de recollida de residuos e limpeza viaria, que a día de hoxe ten un custo anual de algo máis de 7,9 millóns de euros. Prevese que o custo deste contrato, segundo o orzamento de licitación, pase agora a máis de 10 millóns de euros (un 26% máis).

Neste capítulo tamén ocupa un lugar destacado o servizo de axuda no fogar, que pasa a ter unha partida de máis de 3 millóns de euros anuais, fronte aos 1,9 millóns do actual contrato.

Ademais, o servizo de conserxería, limpeza e control das instalación dos CEIP dependentes do Concello, pasará dun custo anual de 1.056.985,92 euros a 1.300.000 euros, o que supón un incremento de máis do 22%.
Outros servizos que se licitarán e adxudicarán ao longo deste presente ano, e que se relacionan no capítulo 2 de gastos, son, entre outros, o contrato de limpeza de instalación municipais, o de xestión do servizo da Escola Municipal de Música e o de xestión das escolas infantís de Conxo e Fontiñas.

O capítulo III de gastos financeiros ascende a 397.504,93 euros e presenta unha diminución do 48,16% con respecto ao orzamento inicial do exercicio 2019.

Transferencias correntes
O capítulo IV de transferencias correntes do proxecto de orzamento ascende a 14.812.819,83 euros e presenta un aumento do 3,28% respecto ao orzamento de 2019. Destaca o incremento da achega ao Auditorio de Galicia nun 3,09%, ata os 1.340.210,00 euros. Representa o 9,05% do total do capítulo IV de gastos.

Tamén significativo é o o aumento nun 1% da achega ordinaria para funcionamento da sociedade municipal INCOLSA, ata os 2.485.000,00 euros, o que representa un 16,78 % sobre o total do capítulo IV de gastos. Mantense achega ordinaria ao Consorcio da Cidade de Santiago, por 1.406.216,74 euros (o 9,49 % do total deste capítulo), e increméntase a subvención ao transporte nun 4%, ascendendo a 4.960.527,76 euros, o que supón un 33,49 % do total do capítulo IV de gastos.

Outras transferencias correntes salientables realizaranse á Fundación Granell, ao Padroado do Museo do Pobo Galego, á Fundación Gonzalo Torrente Ballester, a UNINOVA, ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar ou a Fundación Refuxio de Animais.

O capítulo V de fondo de continxencia e outros imprevistos ascende a 173.456,25 euros (un 73,46% máis), ao recoller unha consignación de con respecto do orzamento inicial do exercicio 2019. 73.456,25 euros para dar cobertura á posible suba salarial variable recollida no RD-Lei 2/2020, de 21 de xaneiro.

Gastos por operacións de capital
Os gastos por operacións de capital do orzamento do Concello para o exercicio 2020 ascenden a 15.424.505,02 euros. Prodúcese en termos globais un aumento do 50,56 % respecto ao orzamento do exercicio 2019. O capítulo VI de investimentos reais ascende á contía de 14.618.655,02 euros e presenta un aumento do 159,97% con respecto ao orzamento inicial do exercicio 2019.

Con cargo ao orzamento de 2020, destacan investimentos como: vieiro de Clara Campoamor, por 1.127.482,74 euros; recuperación do Campus Sur para a cidadanía, por 200.000 euros; Castelo da Rocha, no que está previsto investir 266.495,41 euros; mellora dos accesos ao Parque de Belvís e adecuación Casa da Xuventude, por 200.000 euros; aparcadoiro do Castiñeiriño, 470.000 euros; aparcadoiro da Altiboia, por 176.376,00 euros; e reurbanización de Concheiros e aparcadoiro Triacastela, por 1.332.528,76 euros.

Tamén se prevén outros investimentos como as obras de reparacións dos muros de Fontiñas, Pombal e Costiña do Monte, por 1.010.000,00 euros; o selado do Vertedoiro de Aríns; ao que se destinarán 200.000 euros; e a consolidación das ruínas de Caramoniña, por 120.000 euros.

Igualmente, contémplase crédito destinado á reforma de instalacións deportivas e á reforma de centros socioculturais (CSC). No relativo ás instalacións deportivas contémplase no orzamento medio millón de euros para facer fronte, de xeito prioritario, á reposición e substitución do céspede sintético de tres pistas de pádel ubicadas no complexo deportivo de Sar, e á execución do peche perimetral e mellora do terreo de xogo do campo de fútbol das Cancelas. No relativo aos CSC contémplase no orzamento a cantidade de 300.030,62 euros, destinada á reforma da antiga biblioteca de Caixa Galicia na praza de Salvador Parga, que se converterá no Centro Sociocultural da Cidade Vella.

O capítulo VII de transferencias de capital ascende a 805.850,00 euros e presenta unha diminución do 82,56% con respecto ao orzamento do exercicio 2019. Achégase unha transferencia de capital á Comunidade Autónoma por importe 240.600,00 euros para o financiamento da pasarela da estación intermodal; e tamén se achega unha transferencia de capital a favor da Sociedade Estatal Aguas de las Cuencas de España por 240.600 euros, para o financiamento do convenio asinado en relación ás obras de mellora da EDAR da Silvouta. Tamén son salientables as axudas municipais complementarias convocadas ao abeiro dos plans estatais de vivenda nas áreas de rexeneración e renovación urbana do Concello, cun importe de 175.000 euros.

Operacións financeiras
As operacións financeiras do orzamento do Concello para o exercicio 2020 ascenden a 2.934.621,99 euros. Prodúcese unha diminución do 8,11 % con respecto ao orzamento do exercicio 2019.

No capítulo VIII do estado de gastos (activos financeiros) aparece recollida a consignación de crédito destinado a concesión de préstamos ao persoal e que está directamente relacionada co capítulo VIII de Ingresos, cunha contía de 65.000 euros. Tamén se recolle neste capítulo de gasto unha consignación de 5.000 euros para atender a compra dun 2% do capital social da mercantil Uninova.

O capítulo IX do estado de gastos (pasivos financeiros) ascende á contía de 2.864.621,99 euros e presenta unha diminución do 8% con respecto ao orzamento do exercicio 2019.

Intervención cidadá
Para falar dos orzamentos e, en concreto, das partidas dedicadas ao medio rural, interveu no Pleno Cruz Vázquez, presidenta da Federación de Asociacións Veciñais do Rural (Ferusa).

Cineuropa
O Pleno tivo un segundo punto na orde do día, para permitir ao Auditorio de Galicia ter a capacidade financeira para a contratación plurianual dos servizos de dirección, produción e realización do Festival Cineuropa. Votaron a favor PsdeG-PSOE, CA e BNG e abstívose o PP.

Direccións relacionadas



Compartir: