ALCALDÍA

O turismo de congresos, unha das liñas extratéxicas do Goberno municipal

21/02/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, saudou este venres os/as asistentes ao 32 Congreso Nacional OPC Spain, de organizadores profesionais de congresos, acompañado polo concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte.

O concelleiro de Turismo destacou que unha das liñas estratéxicas do Concello compostelá, é "promocionar o turismo de congresos, porque contribúe á desestacionalización", e tamén porque "o consumo medio dos congresistas duplica e ata triplica o consumo medio dos demais visitantes".

Guinarte subliñou que os "congresos son un espazo importante de intercambio de coñecemento". Citou medicina, o ámbito tecnolóxico e a vinculación coa USC, e sinalou que "aínda hai traballo por facer". O edil cre que "estamos nunha boa liña. O ano 2019 foi moi bo" en canto á celebración de congresos en Santiago e, engadiu, "confiamos en mantelo ao longo do ano 2020". Asegurou que posiblemente no ano 2021 "teñamos que limitar as demandas, porque é probable que cos espazos que temos non imos poder atendelas todas".

O responsable de Turismo, afirmou que, a nivel Galicia, "Santiago é o lugar que ten maior capacidade de atracción deste tipo de congresos". A isto contribúe, engadiu, a Universidade, a infraestrutura turística que ten a cidade, que "ofrece un número de prazas hoteleiras, sobre todo en establecementos de catro e cinco estrelas, moi por riba de calquera outra cidade de Galicia, a centralidade que ocupa e tamén cun aeroporto internacional con moi boas condicións". Todo iso, finalizou, favorece e facilita que "sexamos un destino de referencia en congresos".

Compartir: