ACCIÓN CULTURAL

Producións Teatrais Excéntricas celebra o seu 15 aniversario con "Medida x Medida", dirixida por Quico Cadaval

19/02/2020 Será con dúas funcións este venres 21 e o sábado 22 no Auditorio de Galicia a partir das 20.30 h e ao remate da función do venres, haberá #posfuncion co equipo técnico e artístico e o público. As entradas, a 12€ (cos descontos habituais do 50%) poden mercarse en compostelacultura.gal, no despacho de billetes do Teatro Principal e os días de función no propio Auditorio de Galicia.

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, presentou esta mañá Medida x Medida, o espectáculo co que a compañía Producións Teatrais Excéntricas celebra o seu 15 aniversario. Fíxoo acompañada do director do espectáculo Quico Cadaval; o director de AGADIC, Jacobo Sutil; e varios membros do elenco: Víctor Mosqueira, María Costas e Josito Porto.

Haberá dúas funcións esta semana, venres 21 e sábado 22, ambas no Auditorio de Galicia ás 20.30 h. Ao remate da do venres, celebrarase unha #posfuncion na que o público poderá conversar co equipo artístico e técnico do espectáculo. O prezo das entradas é de 12 euros (cos descontos do 50% para os colectivos habituais) e están xa á venda na web compostelacultura.gal ou no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado de 18 a 21 h). Ademais, os días de función tamén se poden mercar no despacho de billetes do Auditorio de Galicia desde as 19.00 h.

Unha das obras máis ricas de Shakespeare chega por fin ao galego
Medida x Medida, das pezas máis complexas e ricas de Shakespeare, chega por fin ao galego da man de Quico Cadaval, gran amigo do bardo de Avon. A historia acontece nunha Viena surrealista inventada por Shakespeare. O mandatario Duque Vincenzo pasa á clandestinidade e manda aplicar con todo rigor a lei contra os comportamentos inmorais. Cae a lei por igual sobre o negocio do sexo e sobre a xuventude hedonista. Un mozo de boa familia é condenado a morte. Isto obriga a Isabella, a súa irmá monxa, a abandonar o convento por tres días coa tentativa de salvar a vida do seu pecadento irmán.

Un mundo de vicio, perversidade e corrupción tentarán lixar a súa brancura virxinal. Palacios, cadeas e arrabaldos serán o labirinto que percorre Isabella na súa carreira contra a morte. Todo observado dende as sombras por un Duque Vincenzo, irrecoñecíbel baixo o hábito de frade mendicante.

Dirección e dramaturxia: Quico Cadaval
Intérpretes: Evaristo Calvo, María Costas, Melania Cruz, Víctor Mosqueira, Josito Porto, Santi Romay e Patricia Vázquez
Espazo escénico, vestiario e deseño gráfico: Suso Montero
Espazo lumínico: Dani Juncal
Xefe técnico: Octavio Mas
Maquinaria e realización da escenografía: Pepe Quintela
Fotografía: Cristina Becerra
Vídeo: Masako Hattori e Marcos PTT Carballido
Xefe de produción: Rubén G. Pedrero
Dirección musical: Bernardo Martínez
Axudante de dirección: Carlos Santiago

Compartir: