SEGURIDADE CIDADÁ

O concelleiro de Seguridade Cidadá visita a Agrupación de Santiago de Voluntarios de Protección Civil

13/02/2020 O concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, reuniuse este xoves, na Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, co director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva; e co subdirector xeral de Planificación e Protección Civil, José Antonio Grandes. O obxectivo do encontro é lograr unha mellor optimización dos recursos humanos e materiais con vistas ao Ano Santo.

A continuación visitaron a sede da entidade, situada no Estadio de San Lázaro. A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Santiago naceu en marzo de 1996. No Ano Santo de 2021 celebrará o seu 25 aniversario. Está formada por arredor de 50 voluntarios e voluntarias de todas as idades, dende os 18 ata os 60 anos.

Protección Civil de Santiago
Os/as voluntarios/as da Agrupación proporcionan protección e asistencia ante calquera tipo de evento, accidente ou catástrofe, así como a salvagarda dos bens materiais do e do medio ambiente.

A súa principal actividade é a asistencia no Camiño de Santiago, o seu acondicionamento e a atención ao peregrino no seu percorrido, chegando agora ata o Concello do Pino, e atendendo todos os Camiños que rematan en Compostela, e tamén o único que sae da cidade cara Fisterra.
Destaca tamén a súa presenza en todo tipo de actividades culturais, deportivas e relixiosas nas que proporcionan unha maior seguridade a todas as persoas asistentes. Tamén axudan a calquera persoa, empresa ou servizo que solicita a súa asistencia. Un exemplo disto son os numerosos simulacros nos que participan e a amplísima formación que imparten en institucións educativas, mediante as que informan sobre datos do Camiño sobre a autoprotección, primeiros auxilios e RCP, etc.

Poden verse ademais loitando contra as xeadas dos meses de inverno, esparexendo sal por as rúas de titularidade do Concello de Santiago, traballando a reo nas alertas por temporal e tamén realizando labores de coidado e recollida de animais protexidos pola lei. Tamén están presentes en todos os eventos musicais e deportivos que se desenvolven na cidade, en andainas, carreiras, marchas ciclistas, festas do Apóstolo e da Ascensión, cabalgatas, búsqueda de persoas, etc

Os membros de Protección Civil de Santiago colaboran cos diferentes corpos e forzas de seguridade (Policía Local, Garda Civil, Policía Nacional e tamén cos bombeiros e cos distintos departamentos do Concello, e da Xunta. Todos eles reciben a formación precisa para desenvolver con éxito as intervencións nas que participan.

Esta formación comeza con un curso elemental obrigatorio para todos os voluntarios de novo ingreso que se imparte na súa base. É o curso de Formación básica de inicio. A continuación, se os admiten, realizan o Curso básico de Protección Civil na AGASP (Academia Galega de Seguridade) onde se forman sobre primeiros auxilios, comunicacións, incendios e lexislación entre outras materias. Tamén asisten a xornadas, nas que coñecen as diferentes formas de actuar nas intervencións que realizan, e a distintos cursos impartidos na agrupación.

Compartir: