POLÍTICAS SOCIAIS

O Teatro Principal comeza a acender as súas luces para acoller este 7 de febreiro o II Concerto Benéfico NormalizAutismo

03/02/2020 Artistas como Guadi Galego, Luís Fercán, Yoli Saa, Jorge Casal, Xabier Vizcaíno, Vicky Gastelo ou Adriana Moragues participarán este venres, 7 de xaneiro, no II Concerto Benéfico NormalizAutismo. A recadación deste evento, que se celebrará no Teatro Principal, irá destinada integramente ao desenvolvemento de campañas informativas e de sensibilización para a visualización e mellor comprensión das afeccións que acompañan ao trastorno espectro autista.

O concerto está promovido por NormalizAutismo Galicia, unha entidade sen ánimo de lucro promovida por familiares e amigos de persoas con trastornos do espectro do autismo (TEA). Preocupados por mellorar a calidade de vida e por promover o exercicio efectivo dos dereitos destas persoas, xorde a necesidade de ir máis alá, dirixindo todo o esforzo cara á sociedade galega, mediante o desenvolvemento de campañas sociais e de información, repartidas durante todo o ano.

Este II Concerto Benéfico NormalizAutismo" será unha gala benéfica na que se combinarán actuacións musicais cun labor de información aos/ás asistentes sobre as principais aptitudes e dificultades que as persoas con trastorno espectro autista manifestan, para contribuír a unha convivencia máis inclusiva, aberta e bidireccional.

Os/as artistas convidados intervirán dun xeito individual e colectivo mediante a participación e colaboración entre todos eles e elas. Así, haberá versións en acústico das melodías, linguas e voces nunca antes escoitadas polos/as amantes da música de autor e do son en acústico, tratándose esta iniciativa por tanto, dunha proposta artística singular.

Guadi Galego estará acompañada doutros/as artistas galegos como Luís Fercán, Jorge Casal, David Prado, Xabier Vizcaíno, Silvia Penide e Álvaro Iglesias. Tamén se sumarán artistas nacionais como Rebeca Jiménez, Fran Fernández, Dani Hare, Yoli Saa, Adriana Moragues ou Vicky Gastelo.

As entradas atópanse á venda on-line a través do portal de Abanca e á venda física na billeteira do Teatro Principal. Haberá unha Fila Cero para o/a que non poida asistir. A recadación deste concerto irá destinada integramente ao desenvolvemento de campañas informativas e de sensibilización para a mellor comprensión das afeccións que acompañan a este trastorno.

Concello de Santiago, Sónar Compostela, Galletas para Matilde, SER Galicia, Tropa Verde e Beyla Belleza y Láser apoian coa súa colaboración esta segunda edición do Concerto Benéfico NormalizAutismo.

Compartir: