DEPORTES

A piscina de Santa Isabel acolle esta fin de semana o Campionato Galego de Natación Alevín de Inverno

29/01/2020 Os vindeiros sábado e domingo, 1 e 2 de febreiro, a piscina municipal de Santa Isabel acollerá o Campionato Galego de Natación Alevín de Inverno, organizado polo CDN Cidade de Santiago e a Federación Galega de Natación. Participarán 29 clubs e 248 nadadores/as.

O Campionato foi presentado en rolda de prensa pola concelleira de Deportes, Esther Pedrosa, acompañada por Carlos Touriño, presidente da Federación Galega de Natación, e por José Rioseco, presidente e director técnico do CDN Cidade de Santiago.

As probas desenvolveranse en xornada de mañá (a partir das 9:30 horas) e de tarde (dende as 17:00 horas). O Campionato servirá de selección para o Campionato de España por Autonomías, que se celebrará en Oviedo os días 29 de febreiro e 1 de marzo.

Serán 248 os/as nadadores/as participantes, pertencentes a 29 clubs de toda Galicia. Polo número de competidores/as destacan as representacións do CN Portamiña (Lugo), con 26 nadadores/as, e do CN Galaico, con 21. A delegación compostelá, do CDN Cidade de Santiago, estará formada por oito nadadores/as.

Esta non será a única competición que albergará a piscina de Santa Isabel durante este ano. Así, o CDN Cidade de Santiago organizará tamén o Campionato Galego Master de Fondo, a celebrar o 8 de marzo, e o Campionato Galego Absoluto de Verán, previsto para os días 10, 11 e 12 de xullo.

Compartir: