ALCALDÍA

O alcalde aposta por investir en iniciativas emprendedoras e innovadoras para frear a caída demográfica

28/01/2020 Así o indicou na rolda na rolda de prensa de presentación do informe "Eixo Atlántico: situación demográfica e perspectivas", na que tamén interviron Alfredo García, presidente do Eixo Atlántico e alcalde do Barco de Valdeorras; Agustín Hernández, presidente do CES; Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico; e Gonzalo Méndez, un dos autores do texto.

Segundo Bugallo paliar a sangría demográfica "é un dos grandes retos que temos" e "a prioridade en Santiago e en Galicia en xeral debe ser xerar expectativas". Para iso, o rexedor aposta por "facilitar a creación de empresas poñendo en valor o que temos e apostando pola creatividade".

O informe consta de dúas partes: unha na que se analiza a evolución da poboación na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e outra na que se fai unha análise comparada da evolución demográfica entre as provincias españolas da fronteira hispano-portuguesa e as do arco mediterráneo, a fin de constatar as diferenzas e as disimetrías existentes, cada vez máis acentuadas desde mediados do século pasado como consecuencia da concentración do desenvolvemento, da poboación e, en gran medida, dos investimentos no litoral mediterráneo.

O informe deixa patente, segundo indicou o seu autor, que a poboación da frontera hispano-lusa vai ir descendendo aos poucos, pero de maneira persistente ata a actualidade (índice do 93% con respecto a 1950), de tal maneira que nestes momentos tan só conta co 7% da poboación española, fronte á poboación do Mediterráneo, que non cesou de crecer de maneira acelerada, ata tal punto de que dobrou a súa poboación (índice do 215%) e, na actualidade, conta co 41% do total nacional, ao que habería que sumar os millóns de turistas que residen ao longo de todo o ano.

Este volume de poboación provocou a captación de investimentos públicos e privados de maneira constante, así como equipamentos e infraestruturas e servizos e, o que pode por iso resultar lóxico, supón a hipoteca do interior español, que se atopa esquecido e relegado, máis aínda no caso da fronteira.

As previsións para 2030 indican a permanencia desas tendencias anteriores, aínda que máis moderadas, de tal maneira que o Mediterráneo alcanzará o índice 230%, moi superior á media nacional, e a fronteira seguirá descendendo ata o 89%.
Estas tendencias teñen o seu reflexo no PIB, indicador que no Mediterráneo é un 20% máis elevado que na fronteira, tendo en conta que a metade deste PIB débese a Pontevedra, sobre todo, e a Badaxoz.

Estes datos veñen constatar o elevado peso do mediterráneo no contexto nacional, non só desde un punto de vista poboacional, senón tamén a nivel socioeconómico e político, o que explica as diferenzas e, en definitiva, as disimetrías existentes entre as vertentes occidental e oriental.

Compartir: