TURISMO

Santiago logrou no 2019 un novo récord de pernoctacións nos hoteis da cidade

27/01/2020 Os hoteis de Santiago de Compostela rexistraron 1.466.282 pernoctacións no 2019, segundo os datos do INE. É a maior cifra de pernoctacións anuais rexistrada nunca na cidade, superando as cifras que se conseguiron no último Ano Santo, celebrado no 2010, cando se contabilizaron 1.430.183 pernoctacións.

No ano 2019 gañáronse máis de 100.000 pernoctacións con respecto ao 2018, cun cremento de practicamente o 8%. Trátase dun crecemento importante, que supera amplamente o crecemento medio que se produciu en España, que foi do 0,9%.

Os turistas españois sumaron 831.389 noites de hotel en Santiago, cun crecemento do 9,87% respecto do ano anterior. Pola súa banda, os turistas internacionais rexistraron 634.893 pernoctacións, un 5,47% máis.

As cifras de 2019 conseguíronse grazas a unha desestacionalización da demanda respecto do ano anterior. Os meses con maiores crecementos foron: abril, cun 19% máis; outubro, cun 17% máis; decembro e maio, cun 15% máis; e febreiro, cun 11% máis. Pola contra, en xullo mantivéronse as cifras do ano anterior, e en agosto houbo unha lixeira baixa do 2%.

O aeroporto de Santiago tamén conseguíu un novo record no ano 2019, con 2.903.427 pasaxeiros. Gañáronse máis de 175.000 pasaxeiros respecto do ano 2018, cun crecemento do 6,5%.

O aeroporto leva crecendo seis anos consecutivos. Dende o ano 2013 gañou máis de 800.000 pasaxeiros, cun cremento acumulado do 40%. Con estes datos, o aeroporto de Santiago consolidou o seu posicionamento como principal aeroporto de Galicia, con máis do 55% da cuota de mercado, dous puntos máis que no 2018.

Pola súa banda, o Camiño de Santiago tamén conseguiu no 2019 un novo máximo histórico, con case 350.000 peregrinos e un crecemento do 6% respecto do 2018. Cabe destacar que houbo 183.237 peregrinos internacionais, que superaron en case 40.000 aos peregrinos españois.

Documentos relacionados



Compartir: