PROMOCIÓN ECONÓMICA

O proxecto europeo TRAFAIR permitirá instalar 10 sensores de calidade do aire nas zonas de máis intensidade de tráfico de Santiago

23/01/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, pechou hoxe o acto de apertura da xornada do proxecto TRAFAIR, celebrada no edificio Cersia Empresa, no que destacou a importancia da calidade do aire na saúde da cidadanía e a incidencia do tráfico no mesmo. A través deste proxecto, en Compostela instalaranse 10 sensores de calidade do aire nas zonas de máis intensidade de circulación. Isto proporcionará unha imaxe en tempo real das condicións do aire nos momentos de maior conxestión do tráfico, para así poder determinar unha mellor e mais eficiente xestión destes fluxos.

TRAFAIR (Understanding Traffic Flows to Improve Air Quality) é un proxecto europeo no que participan o Concello de Santiago de Compostela, o CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia) e a USC (Universidade de Santiago de Compostela), xunto a otros seis socios comunitarios. O seu obxectivo é estudar a calidade do aire en función das condicións climatolóxicas e do tráfico rodado. Os resultados que se acaden permitirán ás administracións ter datos que permitan cuantificar a polución no aire e o xeito en que se distribúe polas cidades; e adoptar as medidas necesarias para diminuír dito impacto. Ao mesmo tempo, permite concienciar a cidadanía e as institucións públicas sobre a calidade do aire que respiramos.

Unha concienciación máis que necesaria, xa que segundo os datos da Sociedade Española de Neumoloxía e Cirurxía Torácica (SEPAR), que lembrou o alcalde, en España prodúcense 10.000 mortes ao ano por contaminación do aire. Unha cifra que supera, por exemplo, aos falecementos en accidentes de tráfico, que ascenderon en 2019 a 1.700 persoas. Neste momento, os impactos ambientais do tráfico tamén son unha gran preocupación en moitas áreas metropolitanas europeas. A contaminación do aire provoca 400.000 mortes cada ano, converténdose na primeira causa ambiental de morte prematura en Europa.

TRAFAIR conta cun orzamento de 2.197.530 euros. O 75% finánciase con fondos FEDER, e o resto apórtano os 9 socios participantes: a Universidade de Módena e Reggio Emilia, a Universidade de Florencia, a Universidade de Santiago de Compostela, o Concello de Módena, a rexión da Toscana, o Concello de Santiago de Compostela, o CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia), a Universidade de Zaragoza, e Lepida SpA.

No caso do concello de Santiago percibirá 126.795 euros de fondos europeos para desenvolver TRAFAIR, aos que hai que sumar a súa aportación de 42.265 euros. En total, destinará ao proxecto 169.060 euros.

A esta cifra súmase ás cantidades da USC e do CESGA, tamén socios do proxecto, que en total ascenden a 240.750 euros no caso da universidade, e a 129.470, no caso do Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia. O proxecto TRAFAIR finalizará o próximo 31 de outubro.

Compartir: