CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia ofrece mañá sábado un concerto para o público familiar que servirá para visibilizar a Agadea

17/01/2020 A Real Filharmonía de Galicia celebra mañá sábado, 18 de xaneiro, un novo novo concerto dentro do proxecto RFG Solidaria, centrado na colaboración con varias ONGs galegas e da cidade que loitan por diferentes causas. Este concerto familiar estará dedicado a visibilizar o traballo que desenvolve Agadea, a Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencia tipo Alzhéimer.

A cita comezará ás 18:30 horas no Auditorio de Galicia, baixo a batuta do mestre Maximino Zumalave, director asociado da RFG. Os máis pequenos e as súas familias poderán gozar co Romeo e Xulieta de Shakespeare e música de Serguéi Prokófiev, xunto aos monicreques da compañía Per Poc.

Esta iniciativa enmárcase dentro do proxecto RFG Solidaria, co que se apoian diversas causas a través da música. Neste caso, as entradas custan 5 euros. Existe un bono familiar de 15 € (4 entradas polo prezo de 3), pero esta promoción non será aplicable para as entradas vendidas por internet. Para obter este desconto deberá efectuarse a compra das entradas nos despachos de billetes do Teatro Principal ou do Auditorio de Galicia.

Agadea é unha asociación sen ánimo de lucro constituída en 1994 por un grupo de familiares de enfermos de alzhéimer, co fin de buscar respostas, compromisos, apoios e recursos. En 2005 comezou a desenvolver terapias de estimulación cognitiva e psicomotriz para persoas con deterioro cognitivo lixeiro, alzhéimer e outras demencias en grao leve e moderado. En 2010 asentouse no Concello de Ribeira, onde xestiona o Centro de Día de Alzhéimer e outras Demencias Neurodexenerativas da Rede Pública Galega de Alzhéimer. Na actualidade está presente ademais en Santiago -onde vai abrir un centro de día-, A Estrada, Vedra, Boiro e Teo.

Monicreques de entre 2 e 4 metros de altura
A compañía Per Poc traballou durante oito anos na realización deste espectáculo. Crearon uns monicreques xigantescos (entre os 2 e os 4 metros de altura) e lixeiros. Trátase dunha proposta moi visual, onde orquestra, música, actores e monicreques interrelaciónanse. Dos 52 temas da partitura de Prokófiev, elixíronse 15 para este espectáculo, os que mellor axudan a entender a historia. Ademais, elaborouse unha breve adaptación do texto para narrador que explica os acontecementos e as emocións que moven a cada un dos protagonistas, para o que se contará como narradora coa actriz galega Marta Lado Ínsua.

Compartir: