DEPORTES

As I Xornadas ARTIO sobre deporte reúnen ao mellor do deporte galego

26/12/2019 A concelleira de Deportes, Esther Pedrosa, presentou esta mañá en rolda de prensa estas xornadas, nas que deportistas como Vero Boquete e Borja Golán, entre outros, exporán durante cinco minutos cada un as súas experiencias, vivencias e coñecemento sobre valores, deporte, e saúde. Na rolda estivo acompañada por Antón Ruanova, triatleta internacional e parte de Artio; e Amador Pena, adestrador, masaxista e campión galego de Trail.

O vindeiro luns día 30 de decembro ás 12h no estadio Verónica Boquete de San Lázaro celebrarase, nas estancias da Federación Galega de Fútbol, as primeiras xornadas ARTIO, cuxo lema é "5 minutos | 5 valores".

A xornada, gratuíta para o público, conta con cinco relatores de excepción: Vero Boquete (mellor futbolista da historia de España); Borja Golán (mellor xogador de squash da historia de España); Álex Vidal (catro veces campión mundial de para-taekwondo); Amador Pena (campión galego de Trail, adestrador e masaxista); e Pablo Sarasquete (médico no CHUS e deportista afeccionado).

Os cinco ofrecerán durante cinco minutos a súa visión sobre valores, deporte e saúde aos asistentes. Posteriormente o público terá a ocasión de asistir a unha mesa redonda aberta na que se tocarán temas como a hidratación e nutrición ou a situación da muller no deporte entre outros.

ARTIO, que organiza o evento, é unha empresa galega que comercializa desde maio unha bebida isotónica natural. Entre as súas filas contan con máis de vinte embaixadores de relevancia internacional, entre eles a propios Boquete, Golán e Vidal. A particularidade da bebida é que está feita con auga de mar das costas galegas. A súa razón de ser é que a auga de mar, rebaixada a súa salinidade con auga de manancial a proporción isotónica, ten exactamente os mesmos minerais e na mesma proporción que o plasma sanguíneo, facilitando desta maneira a recuperación natural dos deportistas.

As inscricións están abertas na web www.artiosport.com

Documentos relacionados



Compartir: