ALCALDÍA

O Goberno local contará este xoves cun plan de actuacións de emerxencia nos muros da cidade

23/12/2019 Unha vez recibidos os informes dos arquitectos de Concello e Consorcio sobre revisión a revisión de muros da cidade realizada de urxencia, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, anunciou que para o xoves 26 agárdase contar cun plan de actuacións de emerxencia nesta materia. Ademais, anticipou que se está xa traballando para establecer un plan de revisións anuais con carácter xeral.

Dos informes de revisión presentados polos técnicos do Concello e do Consorcio, en palabras do alcalde, advírtense "situacións de riscos potencial" nalgúns muros de titularidade privada, de ordes relixiosas, de propiedade autonómica, do Consorcio e tamén de titularidade municipal. Sobre os de titularidade municipal, apuntou que "os que nos xeran máis preocupación son os do Pombal e os do entorno de San Domingos de Bonaval; tamén en Belvís se pode facer algunha actuación, pero a día de hoxe non se teñen detestado riscos.

En canto aos muros con situacións de risco que son propiedade doutras institucións ou de titularidade privada, acordouse comunicarllo de xeito inmediato aos/ás propietarios, a fin de que procedan á súa corrección. Se ben en todos estes casos non se detectaron "riscos inminentes", de existir –dixo- adoptaríanse "medidas cautelares".

Sobre o caso concreto do muro derrubado na rúa da Costiña do Monte o pasado xoves, Sánchez Bugallo afirmou que, aínda cunha revisión dos muros como a realizada, "houbera sido moi difícil ter detectado o problema" do muro, porque "o problema non estaba no muro, senón detrás do muro, na masa da terra completamente enchoupada e na falta de saída de evacuación da auga". Iso, explicou, "exerceu unha presión sobre o muro -dun metro de altura, seis metros de altura e máis de 200 anos- que o tumbou".

O rexedor agarda que á Volta de Reis se poida empezar coas actuacións previstas no plan. Ademais, indicou que é a intención do Goberno municipal establecer un programa de revisións anual con carácter xeral. En calquera caso, indicou, "a seguridade absoluta non existe e puxo como exemplo que "nunha cidade con 200.000 árbores, é altamente probable que algún caia cando hai un temporal". Neste sentido, tamén se referiu a que o 90% das incidencias xeradas polo temporal nesta fin de semana se xeraron no ámbito de espazos privados.

Incidencias do temporal na fin de semana
Sánchez Bugallo tamén aproveitou a rolda de prensa para agradecer o traballo dos servizos de emerxencia municipais (Policía Local, Bombeiros, Protección, Civil, Brigada de Vías e Obras e Brigada de Parques e Xardíns) e dos operarios das concesionarias, que "nesta fin de semana tiveron que atender case 300 incidencias".

Documentos relacionados



Compartir: