PLENO

A Corporación aproba unha declaración de rexeitamento á planta de residuos de Miramontes

19/12/2019 O Pleno aprobou na súa sesión deste xoves varias declaracións institucionais aprobadas por unanimidade, entre elas unha de rexeitamento do desenvolvemento da planta de valoración de residuos da construción e demolición de Miramontes, outra para facer fronte á emerxencia climática e unha máis para investigar e divulgar o labor do Grupo Nós.

Ao respecto da canteira de Miramontes (Grixoa), o Concello comprométese a alegar administrativamente respecto ao desenvolvemento desta planta. Ademais, insta á Xunta a "extremar as garantías medioambientais no exame do novo proxecto de desenvolvemento dunha planta de valorización de residuos de construción e demolición en Miramontes, e a considerar con especial atención as alegacións presentadas polo Concello e pola veciñanza afectada, particularmente a paralización do inicio de calquera nova actividade, como mínimo ata que finalicen os procesos xudiciais abertos". Esa declaración naceu dunha moción presentada por Compostela Aberta.

Divulgación do labor do Grupo Nós
Outra das declaracións institucionais desta sesión ordinaria, xurdida dunha moción do BNG, foi a relativa ao Grupo Nós e á elaboración dunha programación específica ao longo de 2020 sobre o mesmo e sobre a súa relevancia para a cultura galega en xeral e para Santiago de Compostela en particular.

"O Concello de Santiago colaborará con outras institucións da cidade, nomeadamente coa Universidade, para coordinar a programación a que se refire o punto primeiro e para poder poñer en marcha proxectos máis ambiciosos co obxectivo de salientar a relevancia do Grupo Nós e de estender ao conxunto da poboación a mensaxe das súas ideas e logros na etapa que protagonizaron", indica a declaración.

O compromiso municipal esténdese ao apoio a iniciativas que xurdan para "por en valor e render a homenaxe que merecen as figuras desta etapa da nosa historia lingüística e literaria", e a promover aquelas iniciativas investigadoras e artísticas (obras dramáticas, exposicións, performances…) que se destaquen por descubrir aspectos pouco coñecidos da etapa Nós".

Emerxencia climática
A Corporación tamén aprobou unha declaración institucional cunha serie de medidas para loitar contra o cambio climático, tales como a redución da emisión de gases de efecto invernadoiro, o impulso dun Plan de Acción para as Enerxías Sustentables e o Clima, o fomento da eficiencia enerxética dos inmobles municipais e o abandono progresivo dos combustibles fósiles ou o impulso do uso das enerxías renovables.

Os catro grupos municipais tamén apostan por un alumeado público máis eficiente, substituíndo as luminarias e instalacións existentes por novas tecnoloxías máis eficientes e sustentables; pola renovación progresiva do parque móbil municipal, pola monitorización da calidade do aire; por unha nova política de xestión de residuos; pola naturalización dos parques e pola cooperación coa cidadanía a través do Consello Municipal de Medio Ambiente. Esta declaración formulouse a partir dunha proposta de CA.

Proposicións
No capítulo de proposicións, a Corporación aprobou por unanimidade unha proposición do BNG, emendada parcialmente polo PSdeG-PSOE, para contribuír a recoñecer e normalizar as familias monoparentais. A proposta indica que o "Concello de Santiago de Compostela aplicará de xeito progresivo, no ámbito das súas competencias, medidas para "contribuír a recoñecer e normalizar a situación dos fogares en situación de moparentalidade e de familias monoparentais, para favorecer as condicións de igualdade no ámbito económico e educativo, con especial atención á protección dos e das menores".

Outra proposta do BNG converteuse en declaración institucional, mediante a que o Concello se compromete a elaborar "unha programación cultural específica dirixida ás persoas que nos visitan con compañías, profesionais e amadoras, de Santiago e de Galiza, con especial representación dos grupos composteláns que conforman a cultura de base. Tamén se establece o compromiso de difusión e promoción, en colaboración co sector turístico e cos axentes implicados, esta oferta cultural.

A iniciativa do grupo municipal do Partido Popular, emendada in voce polo PSdeG-PSOE, saíu adiante por unanimidade a proposición de "creación dunha comisión de estudo de carácter especial –integrada consonte a un sistema de voto ponderado por dous membros de cada grupo municipal- para analizar as posibilidades de desenvolvemento urbanístico da parcela do antigo Colexio Peleteiro.

Outra proposta ratificada por unanimidade, recollendo as emendas presentadas por BNG e PSdeG-PSOE, foi a presentada por Compostela Aberta para darlle continuidade á construción da "Compostela Territorio das Mulleres". A proposición comprende sete puntos, como a consolidación do modelo de co-xestión da Casa das Mulleres Xohana Torres, a aplicación do mainstreaming de xénero a todas as áreas de goberno, a elaboración dun plan de sensibilización, a continuación dos obradoiros do empoderamento do rural e do traballo en rede, a activación do Sistema VioGén ou a mellora da iluminación no Campus e nas rúas e parques deficientemente iluminados. Sobre esta última cuestión falou no Pleno Lucía Dapena, do Campus do Medo.

O capítulo de proposicións aprobadas pechouse con outra de Compostela Aberta para "desenvolver un programa de residencias de creación e pensamento que acollan e proxecten sobre a cidade o coñecemento, o talento e a innovación que recibimos polos Camiños de Santiago".

Compartir: