TURISMO

Case nove mil persoas visitaron xa o belén tradicional de San Fiz

19/12/2019 Nas primeiras dúas semanas de apertura, o belén tradicional da igrexa de San Fiz de Solovio rexistrou a visita de 8.985 persoas, cunha media de 691 por día. Os picos de asistencia ocorreron durante a Ponte da Constitución, cando en só tres días acudiron ao templo compostelán 4.030 persoas.

O popular nacemento está composto por máis de 200 figuras de barro e lenzo pintado, todas feitas a man, con diversas escenas, pezas en movemento e tamén iluminación e son, atendendo ao deseño e montaxe do seu propietario, o belenista José Uzal.

A exhibición do belén, organizada por Turismo de Santiago coa colaboración do Arcebispado, o Mercado de Abastos e o Colexio Maior de Santo Agostiño, brinda ademais unha ocasión inmellorable para visitar a igrexa de San Fiz, fundamental na historia fundacional de Santiago. Permanecerá aberto ata o 5 de xaneiro.

A ruta dos beléns composteláns
Este Nadal, para fomentar o turismo familiar, Turismo de Santiago tamén está informando á cidadanía e visitantes sobre os 14 nacementos artesanais que se poden percorrer na cidade.

Entre eles destacan o Belén Familiar de Conxo, cos seus 45 metros cadrados de montaxe e 73 anos de tradición; o belén da Colexiata de Sar, con 60 metros cadrados e 300 figuras; o da igrexa de San Miguel dos Agros, con escenas ambientadas na paisaxe galega, e o do Centro de Acollida ao Peregrino.

Tamén poden visitarse outros nacementos tan curiosos coma o Belén Surrealista da Fundación Granell, o belén internacional de San Caetano, con misterios de diversos continentes, ou o nacemento de Playmobil en Área Central.

Compartir: