FESTAS

O Apalpador chega este venres dende O Courel cargado de castañas para ás máis pequenas e pequenos

19/12/2019 Un ano máis, o Apalpador chegará dende O Courel para saudar as crianzas de Compostela. A ruada do Apalpador, organizada pola Asociación Semente Compostela coa colaboración do Concello, sairá mañá venres, a partir das 18:00 horas, do local da Asociación Gentalha do Pichel na rúa de Santa Clara.

A ruada baixará por San Roque e a Algalia ata a praza de Cervantes, para emprender logo o camiño de Volta. Este ano, o Apalpador irá acompañado das trasnas, ademais de cargadiño de castañas para agasallar ás máis pequenas e pequenos.

Na súa comitiva estará tamén a música tradicional do Cuarteto do Pichel e os ventos da banda Brassica Rapa. A ruada abriraa o Natarego, o tradicional tronco que volverá arder este Nadal como o facía antigamente en todas as casas galegas.

As nenas e nenos do grupo de danza da Semente daranlle a benvida ao Apalpador cunha serie de actuacións ao longo do camiño, rematando na praza de Cervantes. Alí o Apalpador, as trasnas e as regueifeiras da Semente ofrecerán un pregón para desexarnos unhas felices festas e un mellor 2020.

Compartir: