FESTAS

Bad Religion tocará no Multiúsos Fontes do Sar o vindeiro 30 de maio

19/12/2019 A xira do 40 aniversario de Bad Religion terá parada en Santiago de Compostela. Será nun concerto que se celebrará o sábado 30 de maio no Multiúsos Fontes do Sar. As entradas poranse á venda mañá venres ás 11:00 horas, a través da web badreligion.resurrectionfest.es, cunha oferta de lanzamento especial de 1.000 entradas a 39 euros + gastos. O resto de entradas custarán 44 euros + gastos.

Este concerto foi presentado en rolda de prensa polo concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños, acompañado por Antón Antelo, xerente do Multiúsos, e por Fernando Gómez, da produtora Bring the Noise. O edil destacou a dimensión da mítica banda de punk-rock e a importancia de que Santiago sexa unha das paradas da súa xira de 40 aniversario, que os vai levar por varias cidades españolas e na que van estar acompañados doutras bandas que habitualmente son cabezas de cartel por si mesmas.

Tal como destacou Fernando Gómez, nesta xira de 40 aniversario, Bad Religion promete dar a súa mellor actuación. O concerto de Santiago será o que peche a súa xira pola Península, tras tocar en Barcelona, Madrid, Bilbao, Lisboa, Málaga e Valencia. Así pois, o de Compostela será o único concerto do noroeste peninsular, polo que se xerou "moita expectación", indicou o integrante de Bring the Noise, promotora responsable de eventos como Resurrection Fest ou O Son do Camiño.

No Multiúsos do Sar, Bad Religion estará acompañado polas bandas Cock Sparrer, Talco, Desakato, Blowfuse e Bastards on Parade, quen farán un "minifestival" que durará dende a tarde á madrugada dese sábado 30 de maio. O de Santiago será o concerto da xira española no que a banda estadounidense contará con máis formacións convidadas.

Pola súa parte, o xerente do Multiúsos, Antón Antelo, enmarcou este concerto na "diversidade" de espectáculos que o recinto quere ofrecer en 2020. Así, lembrou, o Multiúsos acollerá en febreiro o Circo do Sol, coas súas funcións de Corteo e que se segue traballando para "encaixar" as datas dalgún outro artista. Ademais, agradeceu a colaboración da Concellaría de Festas para este concerto.

Direccións relacionadas



Compartir: