ACCIÓN CULTURAL

"Cuarenta erros e mitos", de David Quiñones, e "Fierros, a visión máis romántica do traxe", de José Luis Rodríguez, gañan a XXV edición do Premio Antonio Fraguas

18/12/2019 O Salón Nobre do Pazo de Raxoi acolleu o acto de entrega do XXV Premio Antonio Fraguas de Investigación do Traxe Galego, presidido polo alcalde, Xosé Sánchez Bugallo. Nesta edición, o traballo gañador na modalidade analítica foi o titulado Cuarenta erros e mitos, de David Quiñones Vázquez, mentres que o premio na modalidade descritiva foi para Fierros, a visión máis romántica do traxe, de José Luis Rodríguez Álvarez.

O xurado outorgou o máximo galardón na modalidade de traballo analítico a Cuarenta erros e mitos, de David Quiñones Vázquez, por considerar que "pon de manifesto un fondo coñecemento das características do traxe galego, cualificado no escrito co adxectivo de tradicional, aínda que tamén se manifeste nas súas páxinas unha fonda crítica cara as variantes menos estritas".

Na modalidade descritiva, o xurado elixiu o traballo de José Luis Rodríguez Álvarez, titulado Fierros, a visión máis romántica do traxe, polo "intenso traballo de investigación que se fixo sobre o traxe galego na obra pictórica de Dionisio Fierros", a cal "documenta moi ben as formas do traxe tradicional no século XIX".

Nesta edición, o xurado tamén outorgou unha mención de honra ao traballo descritivo titulado Dúas pezas e unhas xoias que casan nun casorio, de Mª Xesús Reboredo Calvo, en recoñecemento ao "rescate das pezas e enfeites dun traxe que, grazas á súa descrición e documentación visual, quedan así recuperadas para o seu recoñecemento xeral".

O acto foi pechado polo alcalde, Xosé Sánchez Bugallo. Antes, interviron tamén Pilar Astray, presidenta da Asociación do Traxe Galego, e María Xesús Astray, en nome do xurado.

Asociación do Traxe Galego
A Asociación do Traxe Galego é unha entidade cultural sen ánimo de lucro que, coa axuda dos seus máis de 300 socios, vén traballando dende distintas vertentes na promoción, dignificación e uso do traxe tradicional. Dende 1995, a Asociación do Traxe Galego promove anualmente a convocatoria do único premio de investigación sobre o traxe tradicional que existe en Galicia.

O certame conta con dúas modalidades. Unha é a dos traballos descritivos, aqueles que, recuperando traxes, especifiquen a materia coa que están feitas as pezas, presenten patróns, medidas, lugar de achado e de situación actual e época das pezas analizadas. A outra modalidade é a dos traballos analíticos, aqueles que, ademais, pescuden información sobre quen fixo o traxe, con que mecanismos, como traballaba ou en que área se distribuía a súa produción. Nesta categoría valórase non só a recolleita e catalogación das formas, senón tamén a influencia de aspectos relixiosos, económicos, políticos ou sociolóxicos.

O coidado na selección e valoración dos traballos por estes especialistas en cultura galega e a dotación económica dos premios fai que a participación dos investigadores e investigadoras siga viva e que a Asociación do Traxe Galego manteña a convocatoria na procura de divulgar o coñecemento sobre a nosa vestimenta tradicional.

Compartir: