FESTAS

Concertos no Nadal en Compostela co programa "Jam de Barrio"

18/12/2019 Dentro da programación de Nadal do Concello de Santiago, o programa Jam de Barrio ofrece catro concertos temáticos onde participarán oito proxectos musicais de Compostela, co ánimo de visibilizar o talento musical local, así como facer ver a forza e diversidade da escena musical da cidade e a súa comarca como territorio musical.

O venres 20 de decembro, ás 20:00 horas, o pop psicodélico da banda Espiño e a canción folk-rock de autor a cargo de Tomás Porteiro serán os xéneros que se escoitarán no primeiro concerto de Jam de Barrio no Centro Xove de Creación Cultural da Almáciga (detrás do CEIP Apóstolo Santiago). Dous artistas con amplas traxectoria na cidade (e fóra dela) que traen proxectos novos a este escenario da Concellaría de Mocidade.

Dous días despois, o domingo 22, ás 19:00 horas, no Teatro Principal, será o momento da Jam de Coros, onde 4 formacións vocais da cidade farán visible que os coros modernos están aquí para quedarse: Coro Estudio, da Escola de jazz, homónima; Coro Son Elas, formado por mulleres; o Coro infantil da EMM – Escola Municipal de Música e, finalmente, o xa recoñecido Coro da Rá serán protagonistas no escenario desta segunda velada, de carácter vocal a capella. Case 120 cantantes de todas as idades cun repertorio variado de estilos como o pop, soul, swing, bossa, etc.

O venres 27 de decembro, ás 19:00 horas, movémonos de novo a outro barrio, Conxo, consonte ao espírito do proxecto Jam de Barrio, para ofrecer un exemplo da música infantil feita en Compostela e comarca: O Capitán Garfo e o seu espectáculo Cociñando Música, a cargo do músico e actor de Cornide Saúl Cacharrón, onde os máis cativos e cativas do barrio aprenderán de forma musical e motivadora uns bos hábitos alimentarios, a importancia dun almorzo saudable, a poñer unha mesa ou a facerse amigos e amigas das ensaladas. Será no Centro Sociocultural de Conxo "Aurelio Aguirre".

Na volta do ano, o 3 de xaneiro, ás 19:00 horas, no Centro Sociocultural "Jose Saramago" de Vite, será cando chegue a quenda do flamenco, o jazz e outras músicas mesturadas a cargo da banda Marcos Teira Translations Trío. Atoparemos músicas dispares, dende John Lennon ata Charles Mingus por bulerías ou fandangos, nun concerto onde este trío utiliza os ritmos flamencos e a liberdade do jazz para adaptar e reubicar clásicos nunha paisaxe nova e suxestiva. Previamente haberá chocolatada de balde (previa inscrición no centro sociocultural) para quen se achegue a gozar do concerto.

Jam de Barrio é un proxecto promovido polo músico e xestor cultural Xabier Mera, iniciado no 2015 e que leva dende aquela promovendo o talento musical feito en Compostela, organizando para iso obradoiros de profesionalización para bandas emerxentes e programando música ao vivo nos barrios periféricos da cidade con grupos profesionais e noveis; todo co ánimo de fortalecer e promover a escena musical local, así como dinamizar a vida nos barrios, descentralizando a oferta cultural e achegando música de todos os estilos á veciñanza de Compostela. Desta volta, o programa está apoiado pola Concellaría de Festas.

Compartir: