BARRIOS

O Barrio Xardín celebrará a súa festa de Nadal o sábado 28 de decembro

18/12/2019 O concelleiro de Barrios, Javier Fernández, presentou este mércores a Festa de Nadal do Barrio Xardín. Inicialmente, o evento ía celebrarse este sábado 21 de decembro, pero ante as previsións meteorolóxicas, a organización decidiu aprazala ata o sábado 28, co mesmo calendario de actividades previsto. Xunto ao edil estiveron na rolda de prensa, en representación do colectivo, Lola Puerta e Guillermo Caldera.

"A maxia do Nadal" é o título da festa que preparou o colectivo de veciños/as e comerciantes do Barrio Xardín para seguir potenciando a convivencia e o encontro nesta zona da cidade, pero aberta a calquera persoa que queira achegarse o sábado 28 ata a praza da Constitución (zona Trasparlamento) e á zona peonil da rúa dos Irmáns Rey Alvite.

Dende as 11:30 ás 20:30 horas haberá actividades para grandes e pequenos/as, como xogos familiares, karaoke de panxoliñas, contos, un concurso ao xersei máis charramangueiro do Nadal, unha exposición de postais con realidade aumentada ou música en vivo. Tamén se instalarán postos de Nadal e de comida sa e tradicional destas datas, e tampouco faltarán nin a chocolatada nin as bebidas quentes.

Ademais, Papá Noel visitará o Barrio Xardín durante esta xornada, e alí tamén poderá felicitar os nenos e nenas pola súa solidariedade, xa que se organizou unha recollida de xoguetes que logo se destinarán a unha entidade benéfica para o seu reparto.

Compartir: