ACCIÓN CULTURAL

O feminismo na tradición cristiá, a debate esta fin de semana grazas ao programa Hildegarda e a compañía A Feroz

18/12/2019 A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, presentou este mércores o programa Hildegarda, que se desenvolverá do venres ao domingo baixo o lema "As mulleres na tradición cristiá. Xornadas para un diálogo feminista". Trátase dunha iniciativa da compañía A Feroz, en representación da cal estiveron na rolda de prensa Inés Salvado e Lorena Conde.

Hildegarda é un programa de actividades que nacen da vontade da compañía A Feroz de propiciar un contexto que dea conta da complexidade do fenómeno feminista dentro da cultura cristiá e da convivencia entre laicas e crentes. Incluirá a representación do espectáculo Santa Inés na igrexa da Universidade, pero tamén unha charla e dous roteiros, dos que, en palabras de Mercedes Rosón, "xurdirá un diálogo rico, frutífero e do que poderemos sacar importantes conclusións".

Tal como explicou Lorena Conde, a idea deste programa xorde dunha experiencia persoal de Inés Salvado e do seu contacto coa Orde das Clarisas da man da súa avoa. A partir de aí, dixo, "sentimos a necesidade de xuntar máis coñecemento sobre a historia das mulleres na cultura cristiá e establecer un diálogo con xente que tivera outras perspectivas". Afirmou que non afrontan o proxecto con teses, pero si con moitas preguntas.

Ante esas cuestións, Inés Salvado falou das respostas atopadas no seu contacto coas Clarisas, pero tamén coa Asociación de Mulleres Cristiás Galegas (Exeria). De aí que o proxecto transcendera da propia montaxe de Santa Inés, na busca dunha visión crítica aínda máis ampla sobre o papel da muller e a súa relación coa espiritualidade e coa sociedade cristiá.

Programa
O programa arrincará este venres 20 de decembro, ás 20:30 horas, coa estrea do espectáculo Santa Inés na igrexa da Universidade. A entrada é de balde, pero é preciso recoller os convites na billeteira do Teatro Principal en horario de 18:00 a 21:00 horas de martes a sábado. Pódense retirar ata dous convites por persoa.

Xa na xornada do sábado, ás 12:00 horas, celebrarase o primeiro dos roteiros previsto. Coa colaboración de Encarna Otero, Faia Díaz deseñou un itinerario no que os/as participantes percorrerán a Compostela máis descoñecida para desvelar os espazos tradicionalmente ocupados, rexidos e/ou habitados polas mulleres.

Logo, pola tarde, ás 17:30 horas, a Casa das Mulleres Xohana Torres acollerá a charla "As mulleres na historia da Igrexa: como nos representan e como somos". Nela, Marisa Vidal Collazo, como membro da Asociación Mulleres Cristiás Galegas (Exeria), falará da representación das mulleres nos escritos, na arte e na doutrina da Igrexa Católica. A charla continuará cun café-coloquio. A entrada é libre ata completar aforo.

Finalmente, o domingo 22, tamén ás 12:00 horas, haberá outro roteiro, baixo o título "A cidade das mulleres", tamén conducido por Faia Díaz.

Santa Inés
Segundo explica a compañía, Santa Inés é un texto armado arredor da idea de mística contemporánea e feminismo dentro da dinámica de traballo escénico de A Feroz. A peza parte da lembranza das visitas que Inés facía coa súa avoa ao convento das Clarisas en Compostela e daquel cadro de Santa Inés que a Madre Á. lle sinalaba para poñerlla como guía e modelo de conduta. Enlázase ese recordo que permanece aínda presente coa investigación sobre as grandes místicas e a necesidade de dar resposta a inquedanzas espirituais universais e eternas.

No espectáculo danse cita a ficción, a realidade e a indagación escénica arredor do corpo e a palabra como vías transcendentes e Inés Salvado dá carne a un monólogo cru, rabioso, tenro, irónico e moi poético que se defende con uñas e dentes nun espazo case onírico. É esta unha peza íntima, na que o público se reúne arredor da intérprete e asiste a un xogo de biografismo e auto-ficción no que se disecciona aquilo que non se ve a simple vista e do que, como sociedade, habitualmente non ousamos falar con esta honestidade.

Compartir: