ALCALDÍA

Un protocolo fixará en xaneiro a solución aos temas pendentes entre Concello e Universidade de Santiago

17/12/2019 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, mantivo este martes unha xuntanza co reitor, Antonio López, na que tamén participaron o concelleiro de Relacións Institucionais e Turismo, Sindo Guinarte, e o xerente da USC, Xabier Ferreira. Da xuntanza, continuadora da comisión de coordinación Concello-USC posta en marcha hai uns meses, saíu a decisión de asinar un protocolo no mes de xaneiro no que se resolverán os temas pendentes entre ambas institucións en materia de regularización patrimonial, participación en Uninova ou de organización ou mellora do Campus Vida.

Tal como explicou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, un dos temas que se abordará no protocolo será a regularización patrimonial, en referencia a parcelas ou edificios de titularidade municipal ou universitaria que son utilizados por USC ou Concello, respectivamente. Dentro deste patrimonio, citou a cesión da Casa de Elisa e Jimena Fernández de la Vega ao Concello ou a do edificio da Facultade de Odontoloxía á USC. En palabras do reitor, Antonio López, esa "regularización é unha primeira fase para crecer como Campus".

Outro tema que contemplará o protocolo é a participación en Uninova, a incubadora de empresas innovadoras. Sánchez Bugallo anunciou que o Concello vai adquirir parte das accións agora en mans da USC, pasando a ser accionista maioritario. "Queremos darlle un novo impulso a Uninova", indicou o alcalde. Tamén nese sentido se pronunciou o reitor, quen apostou porque o hub biotecnolóxico e da madeira sirva para crear "un potente polo de desenvolvemento empresaria.

O acordo recollerá igualmente melloras organizativas no Campus e outras accións. Sobre estas, o alcalde lembrou que o Concello contemplará 400.000 euros para actuacións no Campus, e que será a USC a que fixe as prioridades neste sentido. Neste sentido, Antonio López indicou que xa están en marcha ou en trámite intervencións para unha mobilidade máis segura, de mellora do servizo de vixilancia ou de liberación de zonas de estacionamento.

Compartir: