CONSORCIO

Jaime Martín ponse esta semana de novo á fronte da Real Filharmonía de Galicia

16/12/2019 A Real Filharmonía de Galicia ofrece esta semana dous concertos. O primeiro será o xoves 19 na súa sede, o compostelán Auditorio de Galicia, ás 20:30 horas. O venres 20, a orquestra desprazarase a Ferrol, onde tocará no Auditorio da cidade (tamén ás 20:30 horas), no marco da colaboración que a RFG mantén coa Sociedade Filharmónica Ferrolá.

Baixo o título Serenatas para un serán, o programa de ambos os dous concertos comezará coa Serenata nº 9 "Posthorn", de Mozart (1756-1791). Debe o seu sobrenome de "Posthorn" ao só de trompa de postillón ou corneta de posta que soa nun momento da obra, e que nesta ocasión tocará o trompetista principal da Real Filharmonía de Galicia, Javier Simó. Trátase dun instrumento usado polos mozos das postas dos séculos XVIII e XIX para anunciar as chegadas e saídas de carruaxes e xinetes.

Os concertos concluirán coa Serenata nº 1 do compositor romántico alemán Johannes Brahms (1833-1897). Foi composta a finais da década dos cincuenta do século XIX e representa unha das primeiras obras orquestrais do músico. O compositor revisaríaa en varias ocasións, tentando transformala nunha sinfonía que non mostrase tan claramente as súas intencións oníricas e poéticas.

O mestre Jaime Martín
A batuta destes concertos levaraa o director cántabro Jaime Martín, colaborador habitual da Real Filharmonía de Galicia. Dende setembro é director titular da Orquestra Sinfónica da RTE Irlandesa e director musical da Orquestra de Cámara de Los Ángeles, e dende 2013 é o director artístico e titular da Orquestra Sinfónica de Gävle (Suecia). Ademais, é asesor artístico do Festival de Santander e membro da Orquestra de Cadaqués, da que é director titular dende 2012.

Despois dunha dilatada traxectoria como respectado frautista (foi frauta principal da Orquestra Nacional de Gran Bretaña, Orquestra de Cámara de Europa, Ópera Nacional Inglesa, Academy of St. Martin in the Fields e da Orquestra Filharmónica de Londres), no ano 2013 decidiu dedicarse por completo á dirección e pronto foi requirido polo seu alto nivel. Traballou cun gran número de orquestras europeas e americanas. Entre os seus próximos compromisos, regresará ás Sinfónicas de Londres, Sidney, Melbourne, RTVE, Amberes, Colorado e á Orquestra Gulbenkian.

Conversa previa co director
O público poderá manter unha charla previa ao concerto de abono de Santiago co director Jaime Martín, ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia Convers@ndo con, que a Real Filharmonía de Galicia promove antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

Compartir: