POLÍTICAS LINGÜÍSTICAS

Música, teatro, contacontos, xogos e moito máis nunha nova edición da Festa do Apego

12/12/2019 O sábado 28 de decembro, o Auditorio de Galicia acollerá a terceira edición da Festa do Apego, unha feira de contos, música, xogos, información e propostas para a crianza na que nenas e nenos poderán gozar e socializar en galego durante todo o día. A Concellaría de Políticas Lingüísticas quere así agasallar a esas familias apegueiras que quedan en Santiago entre o Nadal e o Aninovo e tamén a quen se queira achegar.

A concelleira de Políticas Lingüísticas, Noa Díaz, acompañada de Soco García Conde e Marta Besada, técnicas do Departamento de Lingua, presentou a programación da Festa do Apego, que inclúe actividades continuadas e simultáneas e propostas relacionadas co xogo, a creatividade manual, a danza e o movemento, a literatura, a música, as artes escénicas e o audiovisual. Unha excelente alternativa nestas datas de Nadal para que as familias teñan diversas opcións e poidan compartir un tempo e un espazo con outras familias tamén interesadas na crianza en galego.

A Festa do Apego está especialmente dirixida ao público obxectivo do programa Apego (de 0 a 6 anos), e a entrada é libre e de balde ata completar a capacidade en cada espazo.

Feiriña e espazo de recursos
Todos/as que se acheguen ao Auditorio atoparán unha Feiriña no vestíbulo, con sete postos nos que os servizos municipais presentarán os seus programas relacionados coas idades do Apego (Educación, Centros Socioculturais e Programa Apego). Ademais, catro empresas privadas presentarán libros, música, xogos e outros materiais e servizos relacionados coa crianza: Couceiro, Gaia Ecocrianza, Xogos Brazolinda e Escola Semente. Este espazo estará aberto de 12:00 a 14:00 e de 16:30 a 19:30 horas.

Outro espazo será o denominado Alíalí, con Fabaloba, instalado na Sala Isaac Díaz Pardo entre as 12:00 e as 14:00 e as 16:30 e as 19:00 horas. Unha oportunidade para saber de libros, música, xogos, xoguetes, aplicacións, materiais... cos que facilitar a crianza e a educación en galego, explicados e presentados de maneira amena para grandes e pequenos para poder, velos, tocalos e experimentar con eles.

Música
Dúas serán as propostas musicais da Festa do Apego, comezando, ás 12:30 horas, por As parábolas de Pakolas, de Paco Cerdeira. Neste espectáculo de pequeno formato, Pakolas interpreta en directo unha escolla dos seus temas para público infantil, con música en ton de rock e outros estilos e letras axeitadas ás idades. Para todas as idades.

Xa pola tarde (19:30 h), María Fumaça estreará O veleiro verde, un novo traballo deste proxecto musical que celebra a vida e que naceu como unha idea de Uxía para agasallar a Ruí, un neno con diversidade funcional que forma parte dos artistas que encherán o escenario e que amosarán como a diferenza, vivida con normalidade, amplía os horizontes e fai o noso mundo máis grande. O espectáculo é tamén para todas as idades.

Teatro
A Festa do Apego contará igualmente con teatro, da man de Teatro ao Cubo e o seu espectáculo Nube, nube, sol, dirixido a pequenos/as ata 3 anos. Ás 12:00 e ás 13:00 horas, esta proposta métenos de cheo na diversión e na aprendizaxe de todo o que a choiva e o sol provocan na nosa contorna, a través do corpo, da xestualidade, do conto e da música.

Pola tarde (17:00 h), Elefante Elegante representará Patapatum para nenos e nenas a partir dos 3 anos. A música, as máscaras e os xestos dos personaxes, sen palabras, crean un universo cómico que viaxa do realismo á hipérbole da nosa vida diaria. Unha reflexión sobre o tempo, a infancia, e como enchemos os baleiros das nosas ausencias.

Contos e monicreques
O capítulo de espectáculos complétase coas sesións de contos e de monicreques: Bichocas, por Atenea García (12:00 h, ata 3 anos); Utopías, tamén con Atenea García (17:00 h, todas as idades); Barquiño de pau, de A Tropa de Trapo (13:00 h, a partir de 3 anos); e O castiñeiro do Apalpador, por Fantoches Baj (18:00 h, a partir de 3 anos).

Obradoiros
Ao longo da mañá e da tarde tamén se realizarán diversos obradoiros. Así, Mercedes Prieto ensinará a pais e nais a oír, cantar e moverse coas súas crianzas (16:30 h); e fará un percorrido polas doces melodías que tranquilizan os/as bebés das diferentes culturas (12:00 e 18:00 h). Pola súa parte, Xandobela propón obradoiros morcego e outro boliche, dous espazos simultáneos nos que traballar coas mans e aprender a construír, con material de refugallo, ferramentas que nos axudan a pasalo ben. Será de 12:00 a 14:00 e de 16:30 a 19:00 horas.

Xogos, proxeccións e libros
Os/as que prefiran os xogos, terán un espazo de xogo libre con Miudiño de 12:00 a 14:00 e de 16:30 a 19:00 horas, ou xogos de mesa con Brazolinda no mesmo horario. Quen opte polo audiovisual, poderá ver proxeccións de diferentes pezas para idades preescolares, e tamén haberá un espazo lector cunha selección de libros infantís para mirar e ler.

Haberá servizo de bebeteca, con facilidades para aleitar e asear os bebés e descansar, e servizo de cafetería na cantina do Auditorio, cun menú adaptado ás familias con crianzas. Cómpre reservar.

O programa Apego
O programa Apego desenvólvese no Concello de Santiago dende o ano 2015 co obxectivo de apoiar e promover o uso do galego na socialización da primeira infancia. Cunha importante acollida, estase achegando xa ás 500 familias inscritas dende aquela en Compostela.

A principais vías nas que o programa pon o seu foco de acción son tres: achegar argumentos e información para reflexionar sobre a importancia que ten falarlles en galego aos fillos e fillas dende que nacen; promover redes e comunidade de familias que valoran un futuro de seguridade, empatía e autoestima arredor da lingua creando espazos de uso; e apoiar as familias que deciden criar en galego con recursos e actividades. Dentro desta última vía de acción e interrelacionada coas outras enmárcase a celebración da Festa do Apego.

Toda a información nas webs apego.gal e delingua.santiagodecompostela.gal.

Compartir: