CONSORCIO

Cinco escritores galegos únense para relatar a historia da cidade de Santiago, movéndose entre o literario e o fantasioso

10/12/2019 O Consorcio de Santiago e Urco Editora publican Longas sombras na pedra, un conxunto de relatos en torno á historia da cidade de Santiago escritos por María Alonso, David Botana, Héctor Cajaraville, Cris Pavón e Mariña Pérez Rei. A publicación presentouse este martes na Fundación Torrente Ballester. No acto estiveron, ademais dos autores dos textos, o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da cidade, Xosé A. Sánchez Bugallo; a xerente do organismo interadministrativo, Belén Hernández; o responsable de Publicacións do Consorcio, Juan Conde; xunto a Denís Fernández Cabrera, de Urco Editora.

Tal como explican os impulsores desta iniciativa, "esta publicación xorde como unha alternativa á historia da cidade de Santiago de Compostela, un relato oficial xa de por si alicerzado na lenda. A lexitimidade á hora de recrear a historia da cidade vén dada pola súa orixe entre o literario e o fantasioso, o que permite unhas licenzas que talvez na abordaxe da historia doutra cidade non terían cabida". Esa é a proposta de partida deste volume: achegar unha nova visión arredor do nacemento de Compostela como urbe, sempre cun pouso de misterio e de enigma.

Cada un dos nove relatos do libro está situado nun momento da historia da cidade, coa intención de abranguer desde o período en que Compostela nin sequera existía até a súa época contemporánea. Entremedias, episodios tan sobranceiros como o achado do sepulcro do Apóstolo, a Inquisición ou a presenza da masonaría na cidade. O resultado final é un percorrido narratolóxico que se detén nos capítulos que marcaron o carácter desta cidade, nacida dun milagre e convertida, por obra e graza das súas xentes, nunha das capitais espirituais de Occidente.

Guía didáctica para alumnado de Bacharelato
A publicación incorpora unha guía de lectura, realizada pola filóloga Raquel Vila-Amado, na que se recolle o argumento de cada un dos relatos, as personaxes que interveñen en cada un, así como o espazo e o tempo no que transcorre cada historia. E, ao final, inclúense unhas propostas didácticas dirixidas a alumnado de Bacharelato.

Compartir: