MOBILIDADE E SEGURIDADE CIDADÁ

Policía Local e Garda Civil realizaron 260 probas de alcoholemia e drogas na noite do 6 de decembro, con oito positivos

09/12/2019 Na noite do 6 de decembro, nun dispositivo conxunto, a Policía Local e a Agrupación de Tráfico da Garda Civil de Santiago de Compostela realizaron probas de alcoholemia e drogas en varias localizacións da cidade. Estes controis teñen un fin preventivo e os dous corpos continuarán a súa colaboración nesta materia.

Os/as axentes dos dous corpos realizaron un total de 251 probas de alcoholemia, cun resultado de sete probas positivas, que xeraron cinco denuncias administrativas e dúas penais. Tamén efectuaron nove probas de drogas, coa detección dun positivo, que derivou nunha denuncia administrativa.

Os controis de alcoholemia e drogas seguen esta semana, xa que do 9 ao 15 de decembro, a Policía Local de Santiago súmase á campaña especial da DXT de control nesta materia.

A presenza de alcohol durante a condución multiplica o risco de sufrir un accidente. Esta substancia non só está relacionada cos accidentes, senón que tamén repercute nunha maior mortalidade, ao ser un factor vinculado cun peor prognóstico nas lesións sufridas. En canto ás drogas, o seu consumo tense demostrado coma un comportamento de extremo risco viario.

Compartir: