XUNTA DE GOBERNO

O Concello iniciará un novo procedemento de contratación do servizo da Escola Municipal de Música

09/12/2019 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria deste luns, aprobou o desestimento do contrato do servizo de dirección pedagóxica, docencia e organización dos diferentes programas educativos e das actividades da Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela". Segundo indicou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, continuarase co trámite xudicial de solicitude de lesividade do anterior prego de condicións iniciado polo anterior Goberno municipal e abrirase un novo procedemento de contratación.

Sánchez Bugallo explicou que convocará un novo concurso, sen agardar a que se resolva xudicialmente a impugnación dos anteriores pregos, xa que "probablemente iso tarde aínda máis dun ano" e a actual empresa "xa leva case dous anos presentando o servizo sen contrato, e pagándoselle mediante recoñecementos extraxudiciais". Lembrou o alcalde que ao anterior concurso só se presentara unha empresa, cuxa oferta non recollía a subrogación do persoal actual, e que ao mesmo non se presentara a actual prestataria, por non consideralo viable economicamente. O actual cadro de persoal da EMM está composto por 21 persoas: 19 docentes, 1 administrativa e 1 conserxe.

Ante iso, o rexedor anunciou a posta en marcha dun novo procedemento de contratación, cun "novo estudo económico viable". Sobre a posibilidade de incluír a subrogación do persoal no novo prego, Sánchez Bugallo indicou que "se de acordo coa lei procede incluílo como obriga, incluirémolo; e se non procede non o incluiremos".

A aprobación do desestimento implica o traslado á empresa licitadora, á que se lle outorga un prazo de 10 días hábiles de alegacións.

Oferta de emprego 2019
A Xunta de Goberno aprobou tamén a Oferta Pública de Emprego de 2019, que consta de 22 prazas de quenda libre (19 de funcionarios/as e 3 de persoal laboral) e 11 de promoción interna (7 de funcionarios/as e 4 de persoal laboral).

As 19 prazas de funcionarios/as de quenda libre son: 2 de técnico/a de administración xeral, 3 de bombeiro-condutor, 2 de policía local (mobilidade), 1 administrativo, 4 uxieres, 1 economista, 1 técnico de medio ambiente, un enxeñeiro técnico industrial, un enxeñeiro técnico de camiños, 1 arquitecto técnico (aparellador), 1 auxiliar administrativo/a e 1 condutor/a (palista/tratorista). As 3 prazas laborais de quenda libre son 1 xornalista e 2 animadores/as socioculturais.

En canto á quenda de promoción interna, a oferta contempla 11 prazas, das que 7 son para funcionarios/as (5 administrativos/as, 1 conserxe e 1 oficial de policía local) e 4 para persoal laboral (3 administrativos/as de recadación e 1 porteiro/a-conserxe

Axudas para rehabilitación
Outro dos acordos do Goberno municipal foi o da relación de subvencións correspondentes ás fases 14 e 15 da Área de Rehabilitación Integral do Casco Histórico. Desta vez aprobáronse axudas para 18 actuacións, en tres edificios, por un importe total de 61.806,57 euros (fase 14); e axudas para 16 actuacións, en 11 edificios, por un importe total de 142.534,58 euros (fase 15).

Novos vehículos para os Bombeiros
Ademais, adxudicouse a adquisición de dous novos vehículos lixeiros para o Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento. Así, comprarase un Toyota Land Cruisser por 54.418,24 euros e un Toyota Proace Verso por importe de 46.961,14 euros (IVE incluído en ambas cantidades).

Descontos de estacionamento no Ensanche
Finalmente, aprobouse a sinatura dun convenio de colaboración entre o Concello e a Fundación Santiago Centro para un programa de dinamización das compras e do comercio de proximidade no Nadal, por un importe de 9.000 euros. O programa contempla a entrega, por parte dos establecementos comerciais, de tíckets gratuítos de aparcadoiro dos sete principais estacionamentos públicos do Ensanche.

Documentos relacionados



Compartir: