CIDADE HISTÓRICA

Sete operadores manifestan o interese en presentar propostas para despregar fibra no casco histórico de Santiago

06/12/2019 Un total de sete operadores amosaron interese en participar na rolda de consultas aberta pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e Concello de Santiago para presentar proxectos de despregamento de fibra óptica no casco histórico de Compostela, en base ao Catálogo de Solucións Técnicas aprobado este verán polo Goberno galego.

Tras este primeiro paso, a partir de vindeira semana e a ata o 16 de decembro celebraranse unha primeira rolda de xuntanzas, entre representantes de ambas institucións e os sete operadores interesados, Orange, R, Telefónica, Citynet, Vodafone, Cellnex e Aurea. Os que queiran presentar plans de despregamento teñen un prazo de dous meses hábiles dende a publicación, o pasado 12 de novembro, da resolución conxunta da Amtega e Concello compostelán para que os operadores manifestasen o seu interese na iniciativa. Os proxectos que presenten os operadores deberán detallar o modelo de despregamento e de financiamento.

Catálogo de solucións
Os operadores formularán os posibles plans de despregamento baseándose, no seu caso, nas alternativas que ofrece o Catálogo de solucións para actuacións de tendido da rede de fibra óptica en contornas urbanas de especial protección e conxuntos históricos de Galicia, elaborado pola Amtega, o operador público Retegal e a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

Para a elaboración desta guía partiuse do caso concreto de Santiago de Compostela e en colaboración co Concello, co Consorcio de Santiago e cun equipo multidisciplinar (integrado por arquitectos, enxeñeiros de telecomunicación e técnicos proxectistas especializados en despregamentos de fibra óptica), elaboráronse unha serie de propostas viables e extrapolables a outros conxuntos históricos. Entre as solucións que ofrece a guía están o trazado por cornixa, o soterramento ou o despregamento da fibra óptica a través das redes de saneamento.

Coa publicación do catálogo e a apertura da consulta aos operadores, Galicia está a abordar unha problemática presente en toda a Unión Europea para a que ata agora non se ofrecera ningunha solución.

Compartir: