FESTAS E CENTROS SOCIOCULTURAIS

En marcha un programa de Nadal cheo de actividades para todas e todos

05/12/2019 O concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños, e a concelleira accidental de Centros Socioculturais, Mercedes Rosón, presentaron a programación de Nadal, que arrinca simbolicamente este mesmo xoves co acendido do alumeado de Nadal e a apertura do Mercado de Nadal. O calendario inclúe numerosas propostas para todos os públicos, con especial atención ás actividades para os/as máis pequenos/as.

O alumeado de Nadal foi o primeiro aspecto ao que se referiu Gonzalo Muíños, e destacou novidades como a árbore cónica de leds e o Belén luminoso da praza do Obradoiro, ademais dos mantos de leds de rúas coma a do Franco, Caldeiraría ou Preguntoiro. "Eu penso que este ano se instalou un alumeado de calidade, que se intentou chegar ao maior número de puntos posibles e espero que sexa do agrado de veciños, comerciantes e visitantes e que axude a dinamizar a cidade nestas datas de Nadal", apuntou o concelleiro.

Tamén salientou a inauguración este mesmo xoves do Mercado de Nadal de Carreira do Conde, que permanecerá aberto ata o 5 de xaneiro en horario de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:30 horas. Unicamente pechará os días 24 e 25 de decembro e 1 de xaneiro; e só abrirá pola mañá o día 31. Son 56 expositores, que se repartirán en cinco quendas, de artesanía, decoración, agasallos, alimentación gourmet... Ademais conta con food trucks de comida galega e internacional e actividades diarias para os máis pequenos. E eu tamén destacaría as actuacións das corais, que como é lóxico, cantarán panxoliñas e temas propios destas datas.

Teatro, maxia e música no Principal
No calendario de lecer, subliñou as actuacións previstas no Teatro Principal, como a de maxia do día 23, cos magos Fani Triana e Martín Camiña; a de teatro de máscaras, coa obra Lázaro de Tormes o 26; outra sesión de teatro coa obra Aguratrat o 29, e sobre todo o musical O mago de Oz, que se representará no Principal do día 30. Todos estes espectáculos son de balde, pero as familias teñen que retirar o convite no Teatro Principal.

Seguindo coa musica, chamou a atención sobre o Mesías participativo que a Real Filharmonía de Galicia tocará a vindeira semana, os días 12 e 13 de xaneiro, no Auditorio de Galicia. Neste concerto, coralistas afeccionados estarán acompañados de solistas de prestixio, nun traballo que levan preparando durante semanas e do que o resultado creo que será do agrado do público.

Deporte e festa para rematar o ano
No eido deportivo non faltará outra nova edición da San Silvestre, unha carreira que cada ano vai a máis e que é un modo diferente de despedir o ano. Arrincará ás 18:00 horas e a inscrición está aberta a través da web www.sansilvestresantiago.com.

E propósito deste último día do ano, Muíños anunciou que as actuacións dese día na praza do Obradoiro será as do Colectivo Panamera e do DJ David Van Bylen DJ. Todos os datos da festa de serán presentados noutra rolda de prensa a semana que vén, ao igual que os da Festa do Apego, que este ano se celebrará durante toda a xornada do 28 de decembro no Auditorio de Galicia.

Finalmente, o concelleiro destacou os concertos "Cantar Elas", de Leilía, do 27 e do 28 de decembro, nos que repasarán toda a súa discografía. É un concerto de balde, tamén previa retirada de convites no Teatro Principal, que é onde se celebrará.

Centro socioculturais
Toda esta programación compleméntase co amplísimo calendario de actividades dos centros socioculturais, para os que se editou un folleto específico, para que "toda a veciñanza saiba os obradoiros, espectáculos e outras actividades que teñen nestas datas, cos días e cos locais onde se celebran", explicou a concelleira accidental de Centros Socioculturais, Mercedes Rosón.

Recordou que haberá obradoiros de preparación de adornos, de cociña destas datas, de confección de agasallos, de decoración, etc., e "calquera que pase estes días polos centros culturais, tanto da cidade como do rural, verá que non falta o ambiente navideño". Tampouco faltarán as panxoliñas, historias de Nadal, xogos, bailes e unha importante atención a cuestións relacionadas co consumo.

Espectáculos, festas e visitas teatralizadas
Todo isto complétase con diversos espectáculos artísticos, festivais de Nadal e festas para despedir este ano 2019 na compaña da veciñanza. Dentro destas actividades, Mercedes Rosón destacou algunhas como as propostas familiares de Fabaloba en Villestro e Vite; a presenza de Raquel Queizás e Lydia Botana en Conxo e Santa Marta, respectivamente; o concerto de Jamila Castillo en Fontiñas; o teatro na Rocha ou Santa Marta; ou os concertos de Saul Chicharrón e Marcos Teira en Conxo e Vite, respectivamente.

Haberá ata dez festivais noutros tantos centros socioculturais e as visitas teatralizadas da paxe real en 14 locais, mentres que a outros 11 centros chegará a Apalpadora, así como concursos de postais ou un torneo de xadrez no Ensanche.

Tamén este ano realizarase o Agasallo viaxeiro en 27 centros, concluíndo cunha Gran Festa do Agasallo Viaxeiro na tarde do martes 7 de xaneiro no Centro Sociocultural do Romaño, con merenda, intercambio de agasallos e a animación de Pista Catro.

Nadal solidario
Para rematar, a concelleira lembrou que está aberta unha campaña impulsada polo Centro Don Bosco de recollida de alimentos e produtos de hixiene en varios centros socioculturais. En concreto, hai puntos de recollida nos centros de Vite, O Ensanche, Conxo, Castiñeiriño, Amio, Cidade Histórica, Romaño, Fontiñas e A Trisca.

Pasearte
Outra das actividades que arrincou este xoves é a terceira edición de Pasearte, Mostra de Arte Contemporánea nos escaparates do Ensanche de Santiago. Pasearte é unha mostra que busca achegar á cidadanía o traballo de artistas e galeristas, ao tempo que atrae ao público ao Ensanche compostelán nunhas datas claves para o comercio local.

O comisario da mostra é Javier Blanco Lado, que foi o encargado de integrar as obras de arte nos escaparates, en colaboración con establecementos e galerías. Nesta edición son 60 as obras que se amosan, creadas por outros tantos artistas de primeiro nivel e emerxentes. Entre eles atópanse nomes moi coñecidos como Vari Caramés, Din Matamoro, Alejandra Atarés, Antonio Murado, Menchu Lamas, Pierre Loiuis Geldenhuys ou Pamen Pereira.

En paralelo á exposición está prevista unha programación transversal con obradoiros familiares que se celebrarán no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche e no Centro Galego de Arte Contemporánea. Tamén se realizarán visitas guiadas á exposición, ás galerías participantes e ao propio CGAC.

Compartir: