ACCIÓN CULTURAL

O Concello celebra cos profesionais da cultura compostelá unha xornada de análise e reflexión sobre a situación do sector

03/12/2019 A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, participará este mércores na xornada "A cultura en Santiago de Compostela. Análise de situación e reflexión colectiva", que se celebrará no Centro Sociocultural de Santa Marta a partir das 16:00 horas e que contará coa asistencia e participación dos axentes culturais que desenvolven a súa actividade no ámbito municipal.

Durante a xornada presentaranse un conxunto de datos actualizados sobre a cultura en Santiago de Compostela, a cargo do consultor cultural Marcos Lorenzo, e organizaranse mesas de traballo coas profesionais que participan nesta cita para reflexionar sobre as principais problemáticas e potencialidades do sector, co obxecto de dispoñer dunha diagnose que permita mellorar as políticas culturais locais.

A xornada desenvolverase co seguinte programa:

• 16:00 a 17:00 h. Presentación da xornada e dun panel de datos actualizados sobre a situación da cultura no municipio, a cargo de Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural, e Marcos Lorenzo, director do estudo.
• 17:00 a 19:00 h. Mesas de reflexión colectiva entre axentes culturais da cidade.
• 19:00 a 20:00 h. Posta en común dos resultados das mesas e peche da xornada.

Algúns datos
Na primeira parte da xornada, o consultor cultural Marcos Lorenzo compartirá coas persoas participantes os datos da cultura en Compostela. Entre eles, o importante peso que o sector ten na economía local. A cultura achega 2.307 afiliados á Seguridade Social, un 18,7% do emprego cultural de Galicia, no que inflúe de xeito determinante a presenza no municipio da Compañía da Radio e Televisión de Galicia.

Ademais, o Concello de Santiago presenta, xunto ao da Coruña, o maior gasto municipal en cultura das cidades galegas, resultado da aposta sostida por diferentes gobernos locais ao longo do tempo. En total, o Concello de Santiago investiu 10,2 millóns de euros en cultura en 2018, cunha media de 106 € por habitante.

Máis alá das cifras económicas, a cultura ten tamén unha forte presenza no ámbito social. Por unha banda, a través do asociacionismo, cun cento de entidades rexistradas no concello, na súa meirande parte (47) dedicadas á música. Por outra banda, segundo información facilitada polo IGE, un 58% das persoas que viven no concello compostelán participan de maneira regular en actividades culturais e de lecer.

En contraste con estes datos, os axentes culturais de Santiago, consultados a través dun cuestionario realizado en outubro de 2018, valoran negativamente a situación laboral de artistas e creativos, ao puntuala cun 4 sobre 10, e tamén consideran que o dinamismo das empresas culturais é mellorable ao asignarlle un 5,5. As liñas de axuda do Concello a terceiras entidades obteñen unha puntuación próxima ao 5.

Porén, a programación cultural do Concello de Santiago valórase, en termos xerais, de xeito positivo. Como datos a destacar, os axentes culturais enquisados avaliaron cun 7 a presenza da muller e dos artistas locais na programación e con máis dun 8 a presenza da lingua e da cultura galega.

Turismo e cultura
Os datos recollidos no estudo amosan a existencia de marxe de mellora no papel da cultura na estratexia turística local. Trátase dun ámbito de gran potencial, tendo en conta que un 27,5% dos visitantes á cidade aproveitaron para visitar algún centro cultural e que as visitas aos dez principais museos da cidade medraron nos últimos tres anos, superando as 475.000 anuais.

Compartir: