ACCIÓN CULTURAL

O Auditorio acolle este mércores unha nova edición da gala aRi[t]mar

02/12/2019 O certame aRi(t)mar, promovido pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, traerá este mércores 4 de decembro, ás 21:00 horas, ao Auditorio de Galiza ás gañadoras desta edició: Tanxugueiras, Os Azeitonas, Susana Aríns, Marta Chaves e Uxía, ademais da actuación Carlos Blanco. A entrada é libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala.

Na rolda de prensa de presentación do evento, a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, lembrou que aRi(t)mar ten por obxectivo dar a coñecer e difundir a poesía e a música editadas en Galicia e Portugal, e aproximar a cultura e a lingua de Galicia e Portugal. "A verdade é que sempre é un pracer poder colaborar con iniciativas como esta, que unen o didáctico co cultural e que nos permiten reafirmar os xa de por si estreitos lazos que unen a Galicia con Portugal e por extensión con toda a lusofonía", indicou a concelleira, quen valorou que siga "habendo interese por aprender a lingua portuguesa, algo que de por si, pola propia proximidade xeográfica, cultura e sentimental, debería ser o máis lóxico".

Gonzalo Constenla, director da Escola Oficial de Idiomas, sinalou que este certame "é a cereixa no topo do bolo, como din en Portugal, pois é o final dun ano lectivo en que se desenvolve un proxecto didáctico e pedagóxico nas aulas de galego e de portugués". "Naceu para iso, mais agora é un dos festivais de referencia de todo o país e mesmo de Portugal, coa singularidade de que son os únicos premios en Galiza que se escollen por votación popular", engadiu.

Xosé Lago, subdirector xeral de Acción Exterior e Cooperación Transfronteiriza, afirmou que "a cooperación cultural é unha das áreas máis visibles para integración de Galicia e o norte de Portugal". Nesa liña, esta iniciativa de aRi(t)mar "fai moito pola integración da cultura, da música e da poesía galega e portuguesa, porque cremos é unha das mellores vías para que se integren a cidadanía galega e portuguesa é a través da fala e da música".

Finalmente, Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, sinalou que aRi(t)mar é "un escaparate magnífico para visibilizar e dar eco a multitude de voces que poñen en evidencia algo que nos vén dado por herdanza cultural e secular que é a posibilidade da lingua galega e de Portugal e da lusofonía no seu conxunto". "Isto encauzámolo en 2014 coa Lei para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, coñecida como Lei Valentín Paz Andrade, e a partir de aí lográronse dous feitos importantes como é a instauración do portugués como segunda lingua no sistema galego educativo, que leva a que máis de 3.000 alumnos e alumnas estuden portugués en secundaria en máis de 65 centros; e tamén a colaboración entre a CTVG e a RTP", explicou.

Premiados
Os preto de cinco mil votos do público emitidos no certame aRi(t(mar, promovido pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela determinaron que os/as artistas gañadores/as polo mellor tema musical publicado en Galicia e en Portugal en 2018 son as Tanxugueiras, con "Quen non mo neguen", e Os Azeitonas, con "Efeito do Observador".

No apartado de poesía, as gañadoras foron a galega Susana Sánchez Aríns, polo poema "E isso é o amor" (Tu contas e eu conto, Através Editora, 2018), e a portuguesa Marta Chaves, por "Fachada" (Varanda de Inverno, Assírio e Alvim, 2018). Os poemas foron escollidos por votación popular online aberta a todo o público galego e portugués.

O xurado do certame aRimar decidiu conceder o Premio aRimar especial do xurado "Embaixada da Amizade galego-lusófona" á cantora galega Uxía. Segundo o xurado, Uxía é a embaixadora e pioneira da amizade galego-lusófona por excelencia, con especial destaque no campo da música e que co seu traballo abre novos e múltiples camiños na restauración das pontes dos afectos e do recoñecemento mutuo entre Galicia e a Lusofonía, cun labor permanente de reinserción da cultura galega nese seu verdadeiro espazo natural.

A gala aRimar está promovida pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, xunto coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Patrocinan a Xunta de Galicia, Deputación Provincial da Coruña e Concello de Santiago de Compostela, Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal e Instituto Camões-Centro cultural Portugués de Vigo. Colaboran a Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela, Escola Oficial de Idiomas de Lugo, Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra, Centros do Ensino Português pelo Camões.

Direccións relacionadas



Compartir: