PLENO

Inícianse os trámites para o irmandamento de Compostela coa cidade portuguesa de Braga

27/11/2019 O Pleno da Corporación aprobou por unanimidade o inicio dos trámites para o irmandamento coa cidade de Braga. Dáse así continuidade ao protocolo iniciado hai un tempo, co obxectivo de "fortalecer as relacións entre as dúas cidades, concretamente nas áreas económica, turística e cultural, aproveitando os recursos que existen en ambos concellos".

A proposta de irmandamento incide no interese de Santiago de Compostela, como hub de innovación, por potenciar "áreas comúns entre os dous concellos nas ciencias da saúde, a biotecnoloxía e a nanotecnoloxía, como eixes de captación de investimento a nivel internacional". Tamén se alude á cooperación cultural, citando o interese de Braga por contar con Santiago na programación da Capitalidade da Cultura do Eixo Atlántico que asumirá en 2020. Finalmente, o documento aprobado refírese á cooperación turística, subliñando o gran número de turistas estranxeiros/as que, pasando por Braga, percorren o Camiño de Santiago.

Ademais, a proposta de irmandamento lembra que tanto Santiago de Compostela como Braga son "cidades históricas, referentes para toda a humanidade, cidades patrimoniais e universitarias, que teñen historias paralelas que configuran o seu senso no paado e na actualidade".

Nova parcela para residencia de maiores
A Corporación tamén deu o visto bo –cos votos favorables de PSdeG-PSOE, PP e BNG e coa abstención de Compostela Aberta- á ampliación dos usos permitidos polo vixente Plan Parcial do SUNP-14 (Tras Paxonal), na reserva de equipamento docente DOC. Esta ampliación engade ao uso docente xa previsto os usos asistencia, sociocultural, institucional-administrativo, deportivo, servizos públicos e dotacional múltiple.

O cambio permite destinar esta parcela á nova residencia de maiores que construirá a Xunta e que financiará a Fundación Amancio Ortega. Este equipamento ía levantase en Fontiñas, pero a Xunta comunicou que a parcela prevista non se adaptaba ás necesidades do proxecto.

Redución da débeda
En materia de Facenda, o Pleno aprobou dous suplementos de crédito destinados á amortización de débeda bancaria. Estas operacións, que permitirán reducir a débeda en 6.434.602, 94 millóns de euros, recibiron o voto favorable do PSdeG-PSOE e a abstención do resto de grupos municipais.

Os suplementos de crédito, un de 5.055.032,54 euros e outro de 1.379.570,40 euros, fináncianse co remanente líquido de Tesourería para gastos xerais do exercicio 2018.

Conservatorio Profesional de Danza
Outra das proposicións que saíu adiante foi unha presentada polo BNG instando ao Concello a xestionar coa Xunta a colaboración necesaria para implantar un Conservatorio Profesional de Danza en Santiago de Compostela. A solicitude recibiu tamén o voto favorable de PSdeG-PSOE e CA, mentres que o PP abstívose.

Cumprimento de acordos pendentes
A Corporación aprobou por unanimidade outra proposición do BNG, neste caso instando "ao Goberno español entrante ao cumprimento dos acordos comprometidos con Santiago de Compostela en materia de infraestruturas, ademais da revisión daqueles necesarios para o desenvolvemento socioeconómico e ambiental que supoñen un agravio comparativo con outras cidades galegas. Entre estes compromisos, na proposta cítase o enlace orbital completo, a estación de mercadorías da Sionlla, o plan de usos para a vella terminal de Lavacolla, o cambio de nome do aeroporto Rosalía de Castro, o proxecto de humanización da rotonda de Conxo, a EDAR, as obras de seguranza viaria no Eixo e na Sionlla, a cesión dos terreos do campo de tiro de Bando e a revisión do convenio da intermodal.

Incentivos fiscais para o comercio minorista
Outro dos acordos adoptados por unanimidade foi o referente a unha proposición presentada polo Partido Popular para crear unha comisión especial que estude fórmulas para fixar incentivos fiscais destinados ao comercio minorista. Establécese xaneiro como mes do inicio dos traballos e márcase o mes de xuño como límite para ter as conclusións, a fin de poder incorporalas ás ordenanzas fiscais do seguinte exercicio.

Melloras nos accesos á Cidade da Cultura
O capítulo de proposicións aprobadas pechouse con outra do PP, ratificada tamén polos catro grupos municipais, que solicita "impulsar unha mellora da sinalización de acceso ao enlace da AP-9 dende a Cidade da Cultura, coa finalidade de facilitar a información, tanto das zonas de referencia da cidade para quen acceda á glorieta das rúas Diego Bernal e Fontes do Sar, como para indicar o acceso á AP-9 dende a avenida Manuel Fraga para quen desexe abandonar ou circunvalar a cidade". Tamén se demanda a redacción dun proxecto para a mellora da mobilidade e a accesibilidade a través das rúas Diego Bernal e Fontes do Sar, e a súa posterior execución, para a mellora de todo o ámbito comprendido entre os barrios de Sar e As Fontiñas.

Compartir: