CULTURA

María do Cebreiro publica "O barrio das chinesas", dentro da colección "Poeta en Compostela"

11/05/2005 O acto literario de presentación será conducido polo poeta Paulo Vázquez e ademais da autora recitarán, entre outros Nerea de Valenzuela, Cristina Villarmea, Roberto Sanmartín, Carlos Caneda, Lupe Gómez, Abe Rábade, Roi Vidal e David Pérez Iglesias.

Mañá xoves, 12 de maio, ás 19:30 h no Casino de Santiago presentarase a obra de María do Cebreiro O barrio das chinesas, oitava entrega da colección "Poeta en Compostela", editada conxuntamente pola Concellaría de Cultura e o Grupo Correo Gallego, en colaboración coa Asociación de Escritores en Lingua Galega. O libro repartirase mañá gratuitamente co xornal El Correo Gallego.

O barrio das chinesas reúne un conxunto de poemas que a santiaguesa María do Cebreiro escribiu ao longo de cinco anos e que agora ven a luz por primeira vez dentro da colección "Poeta en Compostela". Nesta obra Compostela é un dos eixes sobre os que xira o poemario, e dela di a autora que é "a cidade que non se acaba de descubrir, nunca me decepciona, é o lugar ao que sempre quero regresar."

A colección "Poeta en Compostela" abriuse cos Poemas a Compostela de Manuel María, un volume ao que seguiron obras de autores e autoras vencellados á cidade: Marta Dacosta, Salvador García-Bodaño, Xesús Rábade e Helena Villar, Rafa Villar, María Lado e Antón Lopo. A seguinte entrega será un poemario de Bernadino Graña.

Compartir: