POLÍTICAS LINGÜÍSTICAS

Patricia de Lorenzo, Manu TF e Iria Fafián conducirán a Gala dos Premios Youtubeir@s, aos que aspiran 27 finalistas

26/11/2019 O Teatro Principal de Santiago acollerá ás 20:00 horas do venres 29 de novembro a gala de entrega dos Premios Youtubeir@as. As entradas son gratuítas e pódense retirar no despacho de billetes do propio recinto no horario de 18:00 a 20:00 horas. Youtubeir@s é unha iniciativa organizada polos servizos de Normalización Lingüística dos concellos da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, Moaña, O Grove, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña.

Patricia de Lorenzo, o DJ Manu TF e a graffiteira Iria Fafián animarán este venres 29 de novembro, ás 20:00 horas, no Teatro Principal de Santiago, a gala dos Premios Youtubeir@s, aos que aspiran un total de 27 finalistas entre os 252 vídeos e canles participantes que concorreron nesta terceira edición.

A actriz Patricia de Lorenzo encargarase de conducir a cerimonia, para a que se transformará en Isaura, a súa coñecida personaxe na peza teatral Fillas bravas, do Grupo Chévere, mentres que Manu TF se ocupará de poñer a música e Iria Fafián elaborará en directo un gran graffiti para celebrar o final desta terceira edición de Youtubeir@s, iniciativa organizada polos servizos de Normalización Lingüística dos concellos da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, Moaña, O Grove, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña.

O leitmotiv desta gala xirará arredor da idea de construír unha comunidade cada vez máis ampla, diversa e consolidada de creadores e creadoras dixitais galegas, seguindo o lema desta convocatoria: "Conéctate á comunidade e multiplícate". O acervo creativo do Youtube demostra que a nosa lingua, así como a súa relación coas novas canles de comunicación, é un elemento vivo que está en constante construción, evolución e transformación. Explicárono así hoxe, nunha rolda de prensa no Concello de Santiago, Noa Díaz, concelleira de Educación, Mocidade, Igualdade e Políticas Lingüísticas de Santiago, e Roberto Rielo, técnico de normalización lingüística do Concello de Teo e secretario do xurado.

Noa Díaz, na súa intervención, destacou a pegada social do proxecto Youtubeir@s e o seu importante labor no fomento e na extensión do galego, así como o pulo e visibilidade que lle está a outorgar á nosa lingua na rede social de vídeos máis grande do mercado global. Nesa mesma liña, Díaz puxo en valor a importante colaboración entre institucións que se dá neste proxecto, xa que están implicados na súa organización un total de 12 concellos, as tres universidades e a Deputación da Coruña. Finalmente, a concelleira detallou algúns datos que amosan a consolidación do proxecto.

252 inscricións e canles e 6.500 € en premios
Nesta terceira convocatoria rexistráronse un total de 252 inscricións, entre vídeos e canles participantes, o cal se traduce en que en máis de 1.000 minutos creados en galego e incorporados a Youtube este último ano. Ademais, constátase un aumento na participación, que pasou das 202 inscricións de 2017, ano en que se celebraron os primeiros Premios Youtubeir@s, ás 252 desta edición, que aspiran a uns galardóns divididos en nove categorías e cunha dotación económica total de 6.500 euros.

Pola súa banda, Roberto Rielo, ademais de adiantar algúns detalles sobre a gala deste venres 29 de novembro, detallou os datos de inscricións por categorías. Deste xeito, sinalou que no apartado de vídeo-opinarmos se rexistraron un total de 129 vídeos participantes, mentres que á categoría vídeo-facermos aspiraron 89 vídeos, á de canles optaron un total de 32 e na nova categoría deste ano de vídeo-cantarmos competiron 30 vídeos. Cada unha destas catro categorías conta cun premio de 1.000 euros e as producións gañadoras serán determinadas polo xurado (integrado por Nel Vidal, Johana Paradelo, Tomás Lijó, Brais Nogueira e Inés Salvado), quen tamén decidirá os premios dotados con 500 euros á creatividade, á eficiencia comunicativa, á calidade técnica e á calidade lingüística. Por último, na gala darase a coñecer tamén o galardón á #propostayoutubeira, premio dotado con 500 que entrega o público do proxecto Youtubeir@s.

Rielo tamén amosou os datos desta terceira edición por franxas de idade. Neste senso, cómpre destacar que o 43% dos vídeos participantes están asinados por persoas de entre 18 e 30 anos, mentres que un 33% pertencen a autoras e autores de entre 30 e 50. Os/as maiores de 50 anos representan o 12% da concorrencia, mentres que os youtubeiros e youtubeiras menores de 18 significan o 10% do total. Por municipios, os datos reflicten que San Sadurniño, con 41 vídeos participantes, A Coruña con 39, Santiago con 36 e Rianxo con 25, son os concellos que máis vídeos achegan, sendo a provincia da Coruña a que máis participación acapara, ao contar cun total de 198 inscricións neste 2019.

Documentos relacionados



Compartir: