IGUALDADE

Os obradoiros de mulleres do rural transfórmanse en pezas audiovisuais

20/11/2019 O Centro Sociocultural de Enfesta acollerá mañá xoves 21, ás 20:00 horas, a proxección das pezas audiovisuais resultado dos talleres de apoderamento e de risoterapia que se imparten nas parroquias compostelás dende outubro, e que forman parte do programa Rural en Igualdade. A concelleira de Igualdade, Noa Díaz, amosou emocionada a súa "satisfacción polos bos resultados dos obradoiros", acompañada da monitora dos mesmos, Cruz Dafonte, e de varias das mulleres que asistiron a eles.

Un dos obxectivos é que no rural compostelán "haxa tamén actividades, non só no centro", explicou a concelleira, e sobre todo que os disfruten "mulleres como elas, que tiveron unha vida complicada, seguramente unha vida con máis problemáticas que as mulleres de hoxe", dixo, pero que nas pezas que se estrearán mañá saen "absolutamente apoderadas".

Ao redor de sesenta mulleres de Busto, Enfesta, Marantes, Laraño e Bornais son as protagonistas destes vídeos onde, ademais de amosar o nivel de profundidade das reflexións sobre as súas historias persoais e colectivas ao que se chegou durante as sesións, constitúen unha acción colectiva contra as violencias machistas, segundo subliñou Díaz, que forma parte da campaña Compostela en negro, con motivo do 25 de novembro, Día Internacional contra as Violencias Machistas.

A impulsora dos obradoiros, Cruz Dafonte, agradeceu a participación activa das mulleres, unha participación que "persoalmente" a "transformou e removeu". "Temos que facer que todo o que elas me contaron remova a máis xente, que se coñeza máis a realidade e a vida delas, das que foron, das que son agora e das que queren ser". Dafonte destacou tamén a súa enerxía e "o poder dicir vivimos unha vida moi dura pero temos esa forza para dicir basta e que isto sirva de exemplo para as mulleres que aínda non deron ese paso".

Jesusa e Maruja, participantes dos obradoiros, agradeceron tamén a realización desta actividade nas súas parroquias (Enfesta e Bornais, respectivamente). "Estamos xubiladas pero aínda servimos para algo, e creo que isto que se fai polo rural precisámolo e merecémolo", explicou Jesusa. "Pasámolo ben pero tamén aprendemos moitas cousas que non sabiamos", dixo Maruja. "A vida non foi fácil pero hai que procurar saír para adiante sen mirar cara atrás, e isto é do mellor que se puido facer polo rural e por nós, porque hai moitas persoas que non viviron vida, senón un inferno", contou esta veciña de Bornais. "Xa que a nosa xuventude non foi boa, á nosa idade estaría ben pasar os últimos anos mellor ca nunca", rematou.

Benestar e perspectiva de xénero
Os "obradoiros da risa" arrincaron este outono para chegar a once parroquias: Villestro, Bornais, Laraño, Marantes, Busto, Grixoa, Enfesta, Lamascal, Lavacolla, Aríns, e Carballal. Dirixidos a mulleres de todas as idades, aínda quedan varias sesións por impartirse no que resta de mes.

Esta actividade achega saúde, benestar e perspectiva de xénero, e forma parte do programa Rural en Igualdade, posto en marcha en 2015. Busca ademais crear espazos de encontro e diversión no extenso rural compostelán nos que poder descubrir os beneficios da risa na saúde, e mellorar e favorecer o crecemento persoal, pero tamén a comunicación e as relacións persoais, reflexionando sobre como inflúe o xénero no desenvolvemento das vidas das mulleres e na súa realización.

Este ciclo de obradoiros dá continuidade ao realizado hai un ano nas parroquias de Figueiras, Verdía e Bando, nos que as participantes destacaron o bo clima grupal que se creou nas sesións, a recuperación do gusto polo xogo e a oportunidade de sentirse libres para expresar emocións. Naquela ocasión participaron nos obradoiros 40 persoas. Con este novo ciclo búscase estender este tipo de intervención a todas as parroquias do rural, cubrindo así as necesidades detectadas e dando cumprimento aos obxectivos contemplados no Plan de Igualdade Municipal 2017-2020.

Direcciones relacionadas



Compartir: