ACCIÓN CULTURAL

Convocada unha nova edición do Premio Antonio Fraguas de Investigación sobre o Traxe Galego

11/11/2019 A Asociación do Traxe Galego convoca a XXV edición do Premio Antonio Fraguas de Investigación sobre o Traxe Galego. O certame volve contar con dúas modalidades: traballos descritivos, cun premio de 600 euros, e traballos analíticos, con 1.200 euros. O prazo de presentación de traballos rematará o 30 de novembro e os galardóns entregaranse no Pazo de Raxoi o 18 de decembro.

Os detalles da convocatoria deste Premio Antonio Fraguas foron presentados nunha rolda de prensa na que participaron a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; a presidenta da Asociación do Traxe Galego, Pilar Astray, e a responsable de Comunicación e Relacións Institucionais de El Corte Inglés Santiago, Eva Calvo.

O Premio conta con dúas modalidades. Unha é a dos traballos descritivos, aqueles que, recuperando traxes, especifiquen a materia coa que están feitas as pezas, presenten patróns, medidas, lugar de achado e de situación actual e época das pezas analizadas. A outra modalidade é a dos traballos analíticos, aqueles que, ademais, pescuden información sobre quen fixo o traxe, con que mecanismos, como traballaba ou en que área se distribuía a súa produción. Nesta categoría valórase non só a recolleita e catalogación das formas, senón tamén a influencia de aspectos relixiosos, económicos, políticos ou sociolóxicos. As características da convocatoria, dos prazos e dos premios veñen fixadas anualmente nas bases do certame.

A presentación de traballos está aberta ata o 30 deste mes de novembro. Logo, as investigacións serán remitidas ao xurado, formado por: Ana Blanco Gómez, integrante da Fundación de Rosalía de Castro; Xesús Ferro Ruibal, académico e membro do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación das Humanidades, e Xosé Manuel González Reboredo, do Padroado do Museo do Pobo Galego.

O coidado na selección e valoración dos traballos por estes especialistas en cultura galega e a dotación económica dos premios (600 euros para o mellor traballo descritivo e 1.200 euros para o mellor traballo analítico) fai que a participación dos investigadores e investigadoras siga viva e que a Asociación do Traxe Galego manteña a convocatoria na procura de divulgar o coñecemento sobre a nosa vestimenta tradicional.

O fallo do Premio farase público o mércores 18 de decembro, ás 20:00 horas, nun acto a celebrar no Pazo de Raxoi e non que se entregarán os dous galardóns do certame.

Asociación do Traxe Galego
A Asociación do Traxe Galego é unha entidade cultural sen ánimo de lucro que, coa axuda dos seus máis de 300 socios, vén traballando dende distintas vertentes na promoción, dignificación e uso do traxe tradicional. Dende 1995, a Asociación do Traxe Galego promove anualmente a convocatoria do único premio de investigación sobre o traxe tradicional que existe en Galicia.

Documentos relacionados



Compartir: