ALCALDÍA

O alcalde cre que entre as propostas para a EDAR "hai algunha que ofrece garantías técnicas e de cumprir os compromisos"

08/11/2019 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, falou este venres da reunión mantida este martes en Madrid na que se presentaron as propostas das nova empresas que participan no procedemento de diálogo competitivo para elixir o proxecto da nova EDAR da Silvouta. Agora será Acuaes a que escollerá catro delas para que redacten un proxecto técnico.

Sánchez Bugallo indicou que se presentaron "propostas bastante diferentes, algunhas tecnoloxicamente moi avanzadas e outras que apostan por tecnoloxías máis tradicionais". En calquera caso, afirmou que "algunhas desas propostas ofrecen garantías técnicas e de cumprir os compromisos", en relación fundamentalmente a permitir un trámite medioambiental simplificado que posibilite non perder os fondos comunitarios para a EDAR da Silvouta.

Segundo explicou o alcalde, será Acuaes a que elixirá as catro empresas que deberán presentar un proxecto técnico antes do Nadal. Este deberá estar listo nun prazo de seis meses, e de entre estes catro sairá o proxecto definitivo. Sobre esta parte do proceso, Sánchez Bugallo apuntou que reclamará que o Concello –e incluso a Xunta- estean na comisión técnica que elixirá o proxecto definitivo, algo que quere que se plasme no segundo convenio previsto, tendo en conta que será o Concello o que financie esta parte do procedemento.

Expresou a súa "sorpresa" polo feito de que a presenza dese técnico municipal non estivera garantida no convenio inicial, e tamén porque se teña establecido no mesmo que a empresa adxudicataria só xestionará a EDAR construída durante o prazo dun ano. O alcalde que que esa xestión debera ser "de cinco ou, cando menos, tres anos", porque dese xeito, "esforzaríase máis, ao ter un período maior de garantía, e faría máis doado solucionar calquera deficiencia detectada".

Tras lamentar os "oito anos perdidos" e aínda recoñecendo que "non é doado" cumprir cos prazos para non perder os fondos comunitarios, explicou que o calendario segue pasando por que "as obras empecen en 2022 e que a 31 de decembro de 2023 estea executada a porcentaxe susceptible de financiamento europeo".

Eleccións Xerais
O alcalde aproveitou a súa comparecencia semanal para referirse ás Eleccións Xerais do domingo, animando aos/ás composteláns/ás a "exercer o seu dereito ao voto" e a facelo "reflexionando sobre o país que queren despois do 11 de novembro". Tamén expresou o seu desexo de que se constitúa un Goberno, pois a cidade está pendente de "moitas decisións que non pode tomar un Goberno en funcións".

Compartir: