URBANISMO

O proxecto das hortas de Caramoniña, distinguido cun dos accésits do Premio Intervencións na Paisaxe, convocado pola Fundación Juana de Vega

07/11/2019 O proxecto arquitectónico "Hortas de Caramoniña" recibiu hoxe o terceiro accésit do Premio Intervencións na Paisaxe, convocado pola Fundación Juana de Vega co obxectivo de por en valor e mellorar a calidade paisaxística do territorio. Realizado por Abalo Alonso Arquitectos, resolve unha topografía complexa con usos de hortas urbanas, enriquecendo un espazo comprendido entre o valioso parque de Bonaval e as edificacións circundantes.

A concelleira de Urbanismo e Vivenda, Mercedes Rosón, presente en Oleiros na entrega do premio, sinalou que se trata dun "recoñecemento a un proxecto integral nunha zona complicada, con moita pendente", que resolve o desnivel e os problemas de accesibilidade. Asegura que os arquitectos Elizabeth Abalo e Gonzalo Alonso "fixeron un traballo importante", na liña doutros deseños como o da praza de San Clemente, encargados pola Oficina de Rehabilitación do Concello de Santiago. Afirma Rosón que "grazas a esta intervención recuperouse unha zona moi deteriorada da cidade" e adiantou que dende o Concello estase a traballar na recuperación doutros elementos que se atopan nesa área.

O xurado decidiu concederlle esta distinción polo deseño das hortas, así como a conservación dos elementos preexistentes, e a incorporación dos muros, as escaleiras e os camiños de pedra. Un proxecto, afirman, ben resolto e que enriquece o lugar. O accésit recollérono Elizabeth Abalo e Gonzalo Alonso. Explicaron que con este deseño trataron de cubrir un oco de espazos faltos de intervención, nunha das zonas que conecta un dos outeiros da cidade co casco histórico, con moito desnivel e unhas vistas impresionantes á Catedral. Tras estudar o desnivel para resolver a pendente do espazo, optouse por xerar un percorrido accesible a través de ramplas que conectan o casco histórico co barrio da Almáciga. Recuperouse, ademais, o uso dos terreos como hortas urbanas, como un espazo de ocio e relación entre os veciños.

O primeiro accésit recibiuno o traballo denominado "Dinamización rural a través dunha ruta de sendeirismo", presentado pola Asociación Castaño y Nogal, nos Ancares, na cuncas dos ríos Donsal e Navia. O segundo foi para premiar a "Escola Infantil en Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa, do arquitecto Iago Fernández Puentes.

Nesta edición, o xurado decidiu declarar deserto o Premio Intervencións na Paisaxe, pero concedeu tres accésits, un máis dos previstos. Asemade, o xurado acordou mencionar a calidade e o papel integrador doutras intervencións como o ascensor para acceder á muralla de Lugo, de Antonio Pernas, e a piscina e urbanización exterior na Finca das Rozadas, en Chandebrito – Nigrán, de Ana Isabel García Boutureira.

O premio ten unha dotación económica de 6.000 euros, mentres que os accésits recibirán 1.500 euros cada un deles, ademais dun diploma acreditativo. O xurado estaba composto por Juan Manuel Palerm Salazar como presidente, Isabel Aguirre de Urcola como secretaria, e Inés Santé Riveira, Enrique Sáez Ponte, Pedro Calaza, María Isabel Iglesias, Covadonga Carrasco e Teresa Andressen como vocais.

No acto de entrega de premios estiveron presentes o director do Instituto de Estudos do Territorio da Consellería de Medio Ambiente, Guillermo Evia; o presidente da Fundación, Enrique Sáez, e a secretaria do xurado, Inés Santé. Ao acto acudiron tamén representantes institucionais, apoiando os proxectos gañadores. En concreto, o alcalde de Becerreá, Manuel Martínez Núñez, acompañado polo tenente de alcalde e concelleiro de Cultura e Deportes, Claudio Vázquez Pérez. Dende Vilagarcía acudiron Alberto Varela Paz, alcalde da localidade, Paola María Mochales, concelleira de Urbanismo, e Santos Héctor Rodríguez, deputado provincial. E Compostela, representada por Mercedes Rosón, concelleira de Urbanismo, e Ignacio Ferrada, director da Área de Urbanismo.

Compartir: