TURISMO

Turismo de Santiago participa en Ámberes (Bélxica) nunhas xornadas da European Cities Marketing

07/11/2019 Turismo de Santiago participa os días 7 e 8 de novembro nunhas xornadas especializadas dirixidas ás entidades de Promoción de Destinos Turísticos, organizada pola European Cities Marketing (ECM). A entidade municipal participa neste evento na súa calidade de membro da Comisión de City Marketing da ECM.

As xornadas teñen por obxectivo expor unha lista de Indicadores Principais de Actividade para medir o impacto do turismo que reflictan o papel, a responsabilidade e as funcións das entidades de promoción de destinos turísticos. Segundo os estudos da ECM, as entidades de promoción de destinos turísticos levan utilizando os mesmos indicadores dende que comezaron a existir para medir o impacto das súas accións, coa excepción da presenza en liña e a participación nas redes sociais.

Nos últimos anos existe un debate sobre a necesidade de que as entidades de Promoción de Destinos Turísticos pasen de ser axencias de promoción a organizacións de xestión de lugares máis integradas. Isto, segundo a ECM, requiriría un alcance moito máis amplo do que normalmente implica o Turismo.
Non obstante, incluso limitándose aos desafíos actuais relacionados directamente coa promoción turística, está claro que os obxectivos cambiantes requiren novos Indicadores Principais de Actividade, que permitan medir o impacto do turismo hoxe en día. Nestas xornadas da ECM sentaranse as bases para acordar que tipo de métricas se precisan.

O caso de Bruxas
Na xornada de hoxe amosouse o caso de Bruxas, que pode servir de exemplo para Santiago. O Casco Histórico de Bruxas, tamén declarado Patrimonio da Humanidade coma o de Santiago, ten menos de 20.000 habitantes. No ano 2018 recibiu máis de 9,7 millóns de visitantes, dos cales o 50% pasaron menos de tres horas, segundo un estudo de Turismo de Flandes sobre os destinos turísticos da rexión.

O Casco Histórico de Bruxas é un espazo reducido cun gran volume de visitantes de apenas unhas horas, superior ao que se produce en Santiago. Pero o 76% dos residentes apoian o turismo, o 20% considérase neutral e o 4% rexéitao. Do mesmo xeito, o 70% considera que os beneficios que xera o turismo superan os impactos negativos, o 20% considérase neutral e o 10% di que os impactos negativos superan os beneficios. Estas valoracións positivas do turismo repítense nos distintos destinos de Flandes.

Compartir: