CONSORCIO

A Real Filharmonía estrea este domingo a ópera galega "A amnesia de Clío", do compositor Fernando Buíde, baixo a batuta de Paul Daniel

07/11/2019 A Real Filharmonía de Galicia estrea este domingo, 10 de novembro, a ópera galega A amnesia de Clío, do compositor Fernando Buíde e texto do dramaturgo Fernando Epelde. Será no compostelán Auditorio de Galicia, ás 20:30 horas, onde se utilizará o foso e con todas as entradas xa esgotadas. Representarase de novo o día 12 no Teatro Colón da Coruña (20:30 h) e o 14 no Auditorio Municipal de Ourense (20:30 h, en versión concerto).

A batuta levaraa o director titular e artístico da RFG, Paul Daniel, que estivo en contacto co compositor dende o comezo do seu proceso creativo; coa colaboración como director asistente do mestre galego Pablo Devigo, recentemente nomeado director asistente da Carmel Symphony Orchestra (EEUU) e do Teatro de Ópera e Ballet da Universidade de Indiana.

A ópera A amnesia de Clío é unha coprodución da compañía Voadora -con dirección escénica de Marta Pazos- e o Consorcio de Santiago-Real Filharmonía de Galicia, Xunta de Galicia e a Asociación Amigos da Ópera de Santiago de Compostela; realizada co apoio da Deputación da Coruña, o Concello de Santiago de Compostela e o Concello da Coruña; e co patrocinio do Xacobeo 2021. A obra é o resultado dun proxecto desenvolvido coa Bolsa Leonardo a Investigadores e Creadores Culturais 2017 da Fundación BBVA.

O talento de Fernando Buíde
Tal como explica o compositor, "trátase dunha viaxe extravagante, na que a realidade histórica e a ficción políticas entrecrúzanse para dar lugar a unha ópera contemporánea, cun pé na realidade e outro na distopía; unha distopía escrita en clave feminista". É unha ópera en tres actos, froito de case dous anos de traballo de Fernando Buíde, e aborda unha temática moi actual: o cambio de paradigma que supón a entrada da muller tanto na alta política como no mundo da arte. A protagonista é a musa Clío, encarnada no libreto por unha muller forte, unha artista plástica cunha vida chea de matices que a levan a desembarcar na vida política.

Fernando Buíde (Santiago, 1980) doutorouse na Universidade de Yale e foi compositor residente na Real Academia de España en Roma. Durante a tempada 2014-15 foi o compositor español actual máis programado por orquestras sinfónicas profesionais de España. Particularmente estreita é a súa relación co mestre Paul Daniel, quen dirixiu ata catro estreas absolutas do autor con formacións como o Coro e Orquestra da Comunidade de Madrid ou a Real Filharmonía de Galicia. Entre outros premios, recibiu o AEOS-BBVA na súa sétima edición, o premio Michael Friedmann de investigación da Universidade de Yale ou o premio Harry Archer de composición orquestral.

Un gran elenco de voces
O rol principal, o da musa Clío, interpretarao a soprano canaria Raquel Lojendio. A súa versatilidade permítelle abordar un amplo e variado repertorio. Traballou baixo a batuta de grandes mestres e actuado coas principais orquestras, entre elas a Filharmónica de Berlín, Sinfónica de Boston, Filharmónica da BBC ou Orquestra Nacional do Capitolio de Toulouse, entre outras. Entre o seu repertorio operístico destacan roles como Pamina en A frauta máxica, Violetta en A Traviata, Donna Anna en Don Giovanni, Margarita en Fausto…; actuando en teatros como o Teatro Verdi de Trieste, Teatro Real de Madrid, Maestranza de Sevilla…

O barítono valenciano Sebastià Peris interpretará ao ex presidente dos Estados Unidos George W. Bush. Ao longo da súa traxectoria púxose na pel de personaxes operísticos como Papageno en A frauta máxica, Marcello e Schaunard en La Bohème, Hally en A italiana en Arxel ou Sharpless en Madama Butterfly, entre outros. Dende a tempada 2016/2017 reside en Düsseldorf (Alemaña) e colabora asiduamente coa Deutsche Oper am Rhein de Düsseldorf e Duisburgo. Entres os seus compromisos destacan proxectos no Teatro Real, a súa participación como artista convidado ao Festival iSing de China, ademais das súas colaboracións coa Orquestra Sinfónica de Galicia, Orquestra de RTVE e Orquestra da Comunidade de Madrid.

A mezzosoprano cántabra Marina Pardo interpretará a Angela Merkel e á sarxento estadounidense Leslie Zimmerman. En escena interveu en As vodas de Fígaro, A valquiria, Carmen, A Traviata, A frauta máxica, O barbeiro de Sevilla, Lucía de Lammermoor, Otello, Rigoletto, Elektra, A sonámbula… Colaborou coa Filharmónica de Nova York, Filharmónica de Israel, Filharmónica de Dresde, Philarmonie, Nacional Danesa ou Orquestra de RTVE; en prestixiosas salas como a Konzerthaus de Viena ou o Lincoln Center de Nova York.

O elenco de voces completarao o compostelán Orfeón Terra A Nosa, fundado en 1966 polo franciscano Manuel Feijóo e dirixido dende 1984 polo mestre Miro Moreira. Dedica unha especial atención á recuperación do patrimonio musical das catedrais galegas. Gravou con importantes orquestras e agrupacións de música antiga.

Convers@ndo co mestre Paul Daniel, o compositor Fernando Buíde e a directora escénica Marta Pazos
Antes da celebración do concerto do domingo en Santiago, o público terá a oportunidade de manter unha charla co director Paul Daniel, o compositor Fernando Buíde e a directora escénica Marta Pazos. A cita será ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia Convers@ndo con, que a Real Filharmonía de Galicia promove antes de cada concerto coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

Marta Pazos é cofundadora e directora artística da compañía Voadora. Comeza a dirixir en 2000. As súas creacións foron programadas no Centro Dramático Nacional, Centro Dramático Galego, Tempada Alta, Festival de Almagro, Clásicos en Alcalá, Olmedo Clásicos… Os espectáculos que dirixiu presentáronse internacionalmente en Brasil, Mozambique, República Checa, Francia ou Portugal. Conta, entre outros galardóns, con tres Premios de Teatro María Casares (dúas como directora e un como escenógrafa) e o terceiro premio do Certame Nacional de Directoras de Torrejón. Destaca a súa recente ópera Je suis narcissiste, estreada no Teatro Real de Madrid.

Compartir: