CONSORCIO

O Consorcio de Santiago reparará as cubertas das capelas da igrexa de San Martiño Pinario

07/11/2019 No marco do programa de restauración de monumentos do Consorcio de Santiago, o organismo interadministrativo acaba de sacar a concurso as obras de reparación das cubertas da igrexa de San Martiño Pinario, por un importe global de 128.818,71 euros. As empresas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro 26 de novembro para presentar as súas propostas. Prevese que a intervención estea rematada nun período de catro meses.

O responsable deste proxecto é o arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago Ramón Fernández Hermida. Explica que o obxectivo principal desta actuación é evitar a entrada da auga da choiva cara ao interior dos muros das capelas da Nosa Señora do Socorro, Santa Catalina e Santa Escolástica. "Intervirase nas súas cubertas, ao tempo que se realizará unha limpeza e rexuntado das súas fachadas e das fachadas da nave central da igrexa que son accesibles desde estas cubertas, xunto a outras obras menores", sinala.

O arquitecto indica que a tella atópase en moi mal estado, con falta de moitas pezas e outras moitas rotas; ademais, hai unha gran cantidade de vexetación que obstrúe as canles. "Aínda así, e dado que as placas de fibrocemento que hai por debaixo da tella están en bo estado, a maior entrada de auga ao interior dos muros prodúcese polos encontros dos faldróns das cubertas e os muros verticais da igrexa", afirma.

Abundante sucidade e vexetación
Segundo o arquitecto, o estado da pedra das fachadas é bo, aparentemente non hai perdas de material. A fábrica é de boa factura e non se perciben tampouco fortes deformacións nin gretas. Non parece estar a pedra meteorizada por causa de axentes atmosféricos, contaminación… Non obstante, percíbense zonas que invadiu a vexetación e áreas colonizadas por mofos e liques e, en xeral, con abundante sucidade. En determinadas zonas os rexuntados da pedra están desprendidos ou non existen.

Os pináculos que están á dereita da fachada da igrexa teñen unhas ancoraxes deficientes que non aseguran a súa estabilidade, polo que se repararán. Tamén se amañarán as varandas de balcón do corpo das escaleiras, que presentan un alto grao de oxidación.

Compartir: