TURISMO

Turismo de Santiago participa na principal feira turística do Reino Unido

05/11/2019 Turismo de Santiago está promocionando a cidade cun mostrador no stand de Turespaña na World Travel Market, a feira máis importante do mercado británico, que ten lugar en Londres entre o 4 e o 6de novembro. Nesta feira turística participan máis de 50.000 profesionais do sector. Arredor do 50% deles son británicos, pero tamén hai unha importante presencia de profesionais europeos e asiáticos.

O primeiro día do evento destínase aos membros de WTM Buyers Club, asociación con 11.000 membros que une aos principais profesionais do sector turístico, e a os invitados, tanto da organización como das entidades participantes. Dende Turismo de Santiago enviáronse unhas 75 invitacións para profesionais que poden estar interesados no mercado compostelán, para amosarlles os atractivos e posibilidades da cidade para os turistas británicos.

Os outros dous días, o evento estará aberto ao público profesional. Turismo de Santiago aproveitará a súa presenza no stand de Turespaña para promocionar os múltiples recursos e atractivos da cidade, tanto de cara ao próximo ano 2020 como tamén de cara ao Ano Santo 2021.

Ademáis, Turismo de Santiago participa nunhas sesións de reunións rápidas con compradores nunha accion denominada "Speed Networking". Trátase dun sistema de reunións de cinco minutos nas que os destinos turísticos poden amosar as súas posibilidades a turoperadores, axentes de viaxes e profesionais do sector interesados nunha zona xeográfica concreta.

Turismo de Santiago participou o luns no cóctel que Turespaña organiza con motivo da World Travel Market para promocionar o país entre os profesionais máis importantes do Reino Unido e que tivo lugar na embaixada española en Londres. A marca España Verde, integrada por Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco, aproveitou o evento para presentar o seu novo producto Art, Design & Fashion-Green Spain, co obxectivo de promocionar o turismo de compras.

Compartir: