TURISMO

Promoción das Cidades Patrimonio da Humanidade en Estados Unidos

29/10/2019 Unha delegación do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade, encabezada polo presidente do Grupo e alcalde de Ibiza/ Eivissa, Rafa Ruiz, e o vicepresidente e alcalde de Mérida, Antonio Rodríguez Osuna, desenvolven en Estados Unidos unha campaña de promoción internacional dos atractivos turísticos, culturais e patrimoniais das 15 cidades españolas que contan co recoñecemento de Patrimonio Mundial da Unesco.

Segundo explicou o presidente do Grupo, "as Cidades Patrimonio somos embaixadoras da marca España e constátase un interese crecente entre os viaxeiros americanos polo noso país. As 15 Cidades Patrimonio teñen unha gran oportunidade para posicionar a súa oferta turística e cultural nun mercado emisor crecente, onde ademais dos monumentos e os bens patrimoniais, tamén queremos que coñezan a nosa oferta deportiva, gastronómica ou os roteiros de natureza, así como todas as posibilidades de compras e algo que tamén é moi importante, como é que as Cidades Patrimonio son destinos seguros para os viaxeiros".

A axenda en Estados Unidos arrincou coa reunión co alcalde de Miami, Francis Suárez, nun encontro ao que tamén asistiu o cónsul xeral de España en Miami, Cándido Creis, así como o conselleiro de turismo, Félix de Paz. Segundo o presidente do Grupo, "o alcalde de Miami transmitiunos que España é un gran referente para os seus cidadáns, cun gran nexo en común que é o idioma, polo que podemos aproveitar sinerxias e desenvolver plans conxuntos. Neste sentido, dende o Grupo imos traballar coa Alcaldía de Miami nunha estratexia bidireccional de forma que as nosas cidades se promocionen como destinos turísticos en Estados Unidos e, á vez, Miami poida tamén ter visibilidade no amplo mercado potencial que engloban as nosas cidades. Imos levar adiante unha liña de traballo de colaboración conxunta".

A axenda do día tamén incluíu entrevistas con diferentes medios de comunicación nas que, segundo o vicepresidente do Grupo, Antonio Rodríguez Osuna, "comunicouse o potencial turístico e cultural das nosas 15 cidades no contexto do mercado europeo e as razóns polas que se converten en punto de interese para viaxeiros non só de Miami, senón tamén de Florida e de Estados Unidos en xeral".

En colaboración coa Oficina Española de Turismo de Miami e coa American Society of Travel Advisors, a delegación do Grupo tamén vai presentar hoxe os 15 destinos ante xornalistas, operadores turísticos e axentes de viaxes de Miami no espazo histórico Villa The Addison, nun acto no que tamén intervirá o director da Oficina Española de Turismo.

A segunda etapa da viaxe desenvólvese mañá en Nova York e arrinca cun encontro co cónsul xeral de España, Rafael Conde, e co conselleiro de turismo, José Manuel de Juan, previo ao acto de presentación das Cidades Patrimonio ante axentes de viaxes e medios de comunicación, que terá como escenario o centro cultural español en Manhattan, La Nacional, situado en Chelsea.

O xoves celebrarase outra reunión coa embaixadora e representante permanente adxunta de España ante Nacións Unidas, María Bassols, e coa asesora política do Alto Representante da Alianza Civilizacións, Ana Jiménez. Ademais, a delegación do Grupo tamén vai visitar o Instituto Cervantes de Nova York, onde se vai a reunir co seu director, Richard Bueno.

Mercado crecente
No ano 2018 visitaron España preto de 3 millóns de turistas estadounidenses, o que representa un crecemento do 11,8% respecto ao ano anterior. O gasto, 5.238 millóns de euros, tamén mostrou un importante avance (+10,4%), así como as pernoitas hostaleiras (+6,1%). Pola súa banda, os gastos medios por persoa e día ascenderon a 1.776 e 259 euros respectivamente, mentres que a estancia media situouse en 6,9 noites, segundo datos do INE e a estimación de Turespaña.

En 2018, a principal motivación dos turistas estadounidenses que visitaron España foi o lecer (85% do total), seguida das viaxes de traballo e negocios (7%). Pernoitaron maioritariamente en hoteis (75%) e fundamentalmente viaxaron sen paquete turístico (77%), sendo este o cuarto mercado que en menor medida recorreu á utilización do paquete turístico, só por detrás de Francia, Italia e Portugal.

Esta viaxe de promoción internacional en Estados Unidos enmárcase dentro do plan operativo das Cidades Patrimonio 2019/2020, en coordinación coas Oficinas Españolas de Turismo, que nas dúas últimas semanas estivo centrado no mercado asiático, con presenza dos 15 destinos españois en Singapur e Xapón.

Compartir: