EDUCACIÓN

O Colexio San Jorge preséntalle ao Concello o seu programa de concienciación ambiental

25/10/2019 Neste curso 2019-2020 o colexio San Jorge está a realizar o proxecto chamado "Cambiar o mundo tamén é cousa de nenos" ("Changing the world is up to children too") para facerlle ver á xuventude a importancia do coidado do planeta. Esta mañá presentáronllo ao alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; aos voceiros de Compostela Aberta, Martiño Noriega, e do BNG, Goretti Sanmartín; á concelleira do grupo municipal popular, Beatriz Cigarrán; e á concelleira de Deportes, Esther Pedrosa. E fixéronlle entrega ao Concello dun agasallo especial.

Tendo como referente a Greta Thunberg, a activista sueca que traballa contra o cambio climático, con este proxecto o centro busca fomentar entre o alumnado prácticas xenerosas co medio ambiente. Con este obxectivo traballaron dende a Biblioteca Escolar na procura de información sobre os problemas medioambientais que están presentes na nosa contorna e as súas consecuencias e realizaron diferentes actividades sobre este tema.

Nesta visita, os nenos explicáronlle ao alcalde e aos concelleiros o que xa realizaron e o que teñen pensado realizar dende o colexio. Entre as actividades que xa fixeron desenvolveron unha que consistiu en recoller todo o plástico dun só uso que empregaron os rapaces nas merendas co obxecto de visibilizar a inxente cantidade deste producto que empregamos e desbotamos. Con ese material os nenos e nenas de cuarto de primaria fixeron un cuadro, que lle entregaron hoxe ao alcalde.

Tamén lles explicaron o desenvolvemento do "BlaBlaCole", baseada na aplicación de BlaBlaCar, para que as familias dos nenos que vivan no mesmo barrio poidan organizarse e viaxar xuntas nun mesmo coche, entre outras moitas iniciativas encamiñadas a reducir a contaminación dende os pequenos xestos diarios.

Compartir: