PLENO

O Pleno do Concello acorda unha declaración institucional reclamando para Santiago un xulgado específico sobre violencia de xénero

24/10/2019 O Pleno, na súa sesión ordinaria de outubro, aprobou unha declaración institucional na que os grupos municipais de PSdeG-PSOE, PP, Compostela Aberta e BNG solicitan a creación dun xulgado específico sobre violencia de xénero en Santiago. No primeiro semestre de 2019 rexistráronse en Galicia 1.763 denuncias por violencia machista, un 38,44 por cento máis que no mesmo período do ano pasado.

Segundo indica a declaración, "en 2018 asináronse en Santiago 159 sentenzas por violencia machista" a través do Xulgado de Instrución número 3, o encargado de tramitar no noso concello as denuncias por violencia de xénero. Segundo a última memoria publicada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, en 2017 esta sala iniciou 2.956 casos, resolveu 3.453, e deixou pendentes 501. Estes datos evidencian a enorme carga de traballo que acumula. Ademais, a Lei Integral contra a Violencia de Xénero, aprobada en 2014, e o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, apostan por garantir a especialización no tratamento das denuncias por violencia machista.

Tanto a evolución do número de denuncias por violencia machista, como a acumulación de causas no Xulgado de Instrución número 3, e as recomendacións para o tratamento especializado destes casos, con procedementos de instrución moi complexos, xustifican, segundo a corporación municipal, a creación dun xulgado específico sobre violencia de xénero en Santiago.

Consello Municipal para as persoas maiores
O Pleno do Concello tamén aprobou unha moción conxunta de todos os grupos municipais para a creación do Consello Municipal para as Persoas Maiores. Sería un órgano de participación sectorial, con funcións de información, e no seu caso, de proposta de accións. Tería como finalidade a de traballar conxuntamente entre as partes, para acadar un maior nivel de benestar, así como a integración social das persoas maiores no noso municipio.

Neste momento hai en Santiago de Compostela ao redor de 26.000 persoas maiores de 60 anos. Segundo especifica o texto da moción, non se pode obviar a súa realidade social, as súas necesidades, as súas valoracións e perspectivas e tampouco as súas potencialidades. Por iso, PSdeG-PSOE, PP, Compostela Aberta e BNG, propoñen crear o Consello Municipal de Persoas Maiores como órgano de participación sectorial, con carácter consultivo e asesor nas materias relacionadas co seu ámbito. Unha vez constituído e aprobado o seu regulamento, o seu obxectivo sería facilitar a participación de entidades e grupos sociais que traballan a prol do benestar do colectivo coa finalidade de contribuír a unha comunidade forte, cohesionada e plural, da que todos os veciños e veciñas formen parte como membros activos dela.

Modificación PXOM
No pleno tamén se deu luz verde á aprobación inicial da modificación puntual do PXOM en execución das sentenzas anulatorias do polígono 11 do Castiñeiriño, segundo o proxecto formulado pola Sección Municipal de Planeamento en outubro de 2019. A modificación ten por obxecto suprimir o citado polígono, categorizando os terreos afectados como solo urbano consolidado, e definir a súa cualificación e ordenación detallada nos termos esixidos na Lei do Solo de Galicia.

As sentenzas anulan parcialmente as determinacións do vixente PXOM no que atinxe á inclusión de parcelas concretas no ámbito do polígono de solo urbano non consolidado P-11(Castiñeiriño), declarando que as parcelas afectadas deben recibir consideración de solo urbano consolidado. A anulación obrigou a revisar a delimitación do polígono, e analizar distintas alternativas de ordenación, tanto nas parcelas afectadas como nos restantes terreos co fin de asegurar a necesaria coherencia e integración da ordenación resultante. Saiu adiante cos votos favorables de PSdeG-PSOE e CA e coa abstención de PP e BNG. Unha vez aprobado, o expediente deber ser sometido a información pública durante o prazo de dous meses.

Tamén se aprobou a proposta da Concellaría de Urbanismo relativa á ampliación de usos autorizados nas reservas dotacionais RE-4 Polígono 3 do Plan parcial de Fontiñas; e na DM-6 de Triacastela, co obxectivo de poder construír dous aparcadoiros, como actuación complementaria ás obras de mellora dos accesos á cidade dos Camiños de Santiago que se están a realizar en colaboración coa Xunta de Galicia. O aparcadoiro de Triacastela está previsto para 35 prazas, e o de Fontiñas, para un cento. As propostas recibiron o respaldo de toda a Corporación.

O Pleno deu luz verde tamén a unha proposición de Compostela Aberta para a construción de vivenda pública e mobilización de vivenda baleira (cos votos a favor de CA, BNG e PP e a abstención de PSdeG-PSOE) e a outra presentada polo BNG para crear un centro de fotografía, emendada polo PP para que sea tamén da imaxe, que sirva como punto de referencia para arquivar, investigar e difundir este patrimonio e que contou cos votos favorables de todos os grupos.

Tamén se aprobou a proposición do BNG para desenvolver, en colaboración co asociacionismo e comerciantes, un plan para impulsar o comercio de proximidade, por unanimidade; e a do PP sobre a elaboración dun plan municipal integral contra os ruidos nocturnos (cos votos a favor de PP e BNG e a abstención do resto).
A proposta tamén do grupo popular, aprobouse a proposición para executar investimentos na cidade en 2019 e 2020 por un importe de 5 millóns de euros, procedentes do superávit, e para que se cumpra cos prazos de pagamento a autónomos e empresas. Na votación manifestáronse a favor, ademáis do proponente, o BNG; e abstiverónse CA e PSdeG-PSOE.

Compartir: